DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O campus de Ourense acolle a cita anual dos profesionais sanitarios

O coidado dos doentes crónicos, o gran reto da enfermaría

Arredor do 80% dos pacientes da provincia son polimedicados e teñen varias patoloxías

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Rosa Tedín DUVI 14/05/2013

O desenvolvemento tecnolóxico, o avance científico no tratamento das doenzas, os cambios na política sanitaria, o envellecemento da poboación… Son moitos os factores que obrigan á enfermaría a estar continuamente actualizándose para conseguir dar resposta aos novos retos que se lle presentan na actualidade. Para pórse ao día e para debater sobre os temas que preocupan a este colectivo, arredor de 300 enfermeiros e enfermeiras danse cita este martes e mércores no campus de Ourense nas VIII Xornadas de Enfermaría de Ourense Novos tempos, novos retos. Entre estes novos retos, os profesionais reunidos coinciden en salientar que o máis importante é o do coidado dos enfermos crónicos, un grupo que acapara boa parte das cifras cando se fala de atención sanitaria e que na provincia de Ourense estímase que poden representar o 80% de todos os pacientes. Da man deles, a palabra curar está dando paso en enfermaría á palabra coidar, máis axeitada para falar da atención a doentes permanentes.

María Lameiras, vicerreitora do campus de Ourense; Eloína Núñez, xerente da Xerencia de Xestión Integrada de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras, e Mª Holanda Rodríguez, directora de Procesos Asistenciais, e Mª Victoria Carral, directora de Procesos de Enfermaría, ambas desta xerencia, foron as persoas encargadas de inaugurar as xornadas ante o numeroso público que se deu cita no Edificio Politécnico. “Sodes a punta de lanza do sistema sanitario, un sistema que a pesar da crise queremos e desexamos que siga sendo un dereito fundamental. Por iso agardamos que estas xornadas vos axuden a mellorar no voso traballo e a ter maior motivación”, destacou María Lameiras. “As persoas cada día teñen maiores expectativas sobre os servizos sanitarios e á enfermaría, como xestora de coidados, se lle esixen respostas oportunas e eficientes. A enfermaría está preparada para asumir novos retos, tanto no eido formativo como asistencia”, engadiu Mª Victoria Carral.

Un paciente profesional

Reivindicando que os coidados ao paciente teñen que abordarse desde unha perspectiva integral e continuada, Eloína Núñez quixo destacar o reto que teñen por diante os enfermeiros e enfermeiras atendendo a unha poboación na que a cifra de pacientes polimedicados e pluripatolóxicos pode chegar ata o 80%, como é o caso da provincia de Ourense. Ante esta situación, os enfermos crónicos foron a temática elixida para a primeira conferencia inaugural das xornadas celebradas en Ourense, conferencia impartida por Felix Rubial, director de Asistencia Sanitaria do Servizo Galego de Saúde. “Os enfermos crónicos son a maioría debido ao envellecemento da poboación. Representan o 70% do gasto sanitario, o 80% das consultas en Atención Primaria e o 60% dos ingresos hospitalarios”, explicou este experto tomando datos de ámbito estatal.

Ante este panorama, Rubial salientou a necesidade de que os profesionais sanitarios avancen no tratamento deste grupo de doentes, que convive coa enfermidade 365 días ao ano e non só de xeito puntual. “Necesitamos falar de coidados máis que de curación cando falamos da atención a enfermos crónicos”, recalcou. Pola relevancia que ten esta situación no eido sanitario, o experto subliñou que desde o Sergas se traballa na elaboración dunha estratexia galega de atención integral á cronicidade, estratexia na que está participando un grupo multidisciplinar de expertos xa que o seu obxectivo é dar unha resposta non só sanitaria, senón tamén social e desde os diferentes ángulos posibles, a esta problemática.

Recoñecemento á investigación

Organizadas pola Dirección de Procesos de Enfermaría da Xerencia de Xestión Integrada de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras, as xornadas contan cun amplo programa de conferencias, mesas redondas, comunicacións e paneis nos que se afondará en temas que van desde a toma de mostras e a incidencia da obesidade infantil ata a formación continuada ou a violencia de xénero en Atención Primaria. Ademais, durante a súa celebración entregarase o Premio de Enfermería de Ourense, ao que este ano optan seis comunicacións orais e tres pósters. Con este premio e coas xornadas no seu conxunto os promotores da iniciativa queren estimular a labor clínica e investigadora da enfermaría, recoñecendo un esforzo científico que, mediante a súa aplicación á práctica diaria, contribúe a mellorar a calidade dos coidados prestados aos pacientes.