DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Este venres comezou no campus de Ourense un curso sobre esta enfermidade

O coidador dun enfermo con alzhéimer tamén precisa atención

O obxectivo da iniciativa é ofrecer formación especializada aos profesionais que traballan neste eid

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Rosa Tedín DUVI 01/03/2013

Determinado tipo de enfermidades non só as padecen as persoas que as portan senón tamén a súa contorna e moi especialmente os seus coidadores. É o caso do alzhéimer, unha doenza que afecta a boa parte das 5000 persoas que se calcula teñen esta demencia na provincia de Ourense. Para contribuír a dar unha atención de maior calidade e máis especializada a este colectivo pero tamén ás súas familias, o campus de Ourense acolle desde este venres e durante todo o mes de marzo un Curso de Atención Especializada a Enfermos de Alzhéimer.

A iniciativa, froito da colaboración entre a Asociación de Familiares de Enfermos de Alzhéimer e outras Demencias de Ourense Afaor, a Fundación Dorzán e o campus de Ourense, arrancou este venres cunha presentación a cargo de José Manuel Canal, xerente da Fundación Dorzán, e a docencia de Sira Gago, psicóloga de Afaor. “A formación especializada é fundamental para incrementar a calidade de vida dos enfermos de alzhéimer e das súas familas. A sociedade precisa cada vez máis profesionais competentes no seu coidado e esta pode ser para vos unha saída profesional interesante”, destacou José Manuel Canal durante a apertura do curso.

Como evitar “queimarse”

“No caso do alzhéimer hai que ter en conta ao enfermo pero tamén á súa familia, e sobre todo á persoa coidadora, que leva ás súas costas un peso importante xa que o paciente é absolutamente dependente dela”, subliñou Sira Gago. Esta situación, explicou, esixe que nestes casos haxa que atender tamén ao coidador, co obxectivo último de evitar que remate sendo un “coidador queimado”, que estea 24 horas dedicadas a esa persoa e que remate padecendo problemas dixestivos, depresión, irritabilidade, insomnio e outras doenzas.

Para loitar contra este síndrome de “coidador queimado”, a psicóloga destacou a importancia de que estas persoas “realicen descansos, tomen un tempo para eles mesmos, non abandonen a súa vida social e persoal e que teñan hábitos de vida saudables, cunha boa alimentación e coidado físico”. Neste proceso, Sira Gago tamén subliñou a importancia de “pedir axuda e deixarse axudar” tanto polo resto da familia como pola sociedade, aproveitando os recursos que ten este colectivo á súa disposición, como poden ser a atención a domicilio ou os grupos de apoio en asociacións como Afaor. “O coidador tende a asumir o problema como unicamente seu, non querendo implicar aos fillos e a outras persoas”, apuntou a psicóloga.

Alén da intervención de Sira Gago sobre o coidado psicolóxico das persoas con alzhéimer e das súas familias, o curso contará nas vindeiras sesións coa intervención de expertos procedentes doutras áreas e que contribuirán a dar unha visión integral da atención a este colectivo. Entre outros relatores, estarán Beatriz Rubira, terapeuta ocupacional; Miguel Lázaro, fisioterapeuta; Andrea Álvarez, enfermeira e Victoria Diéguez, avogada. O curso, que ten 40 horas teóricas e 20 de prácticas en Afaor, conta coa asistencia de 20 estudantes e profesionais do ámbito das ciencias da saúde, como son traballadores e educadores sociais, psicopedagogos, psicólogos e terapeutas ocupacionais.