DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Cada hora de estudo equivale a un euro de financiamento

Colabora con proxectos humanitarios sen saír do campus grazas a Olimpíada Solidaria

Remata este venres día 5

Etiquetas
  • Ourense
  • Estudantes
Noelia V. Vilanova DUVI 01/12/2008

As horas de estudo dos alumnos do campus pódense converter en cartos cos que colaborar con proxectos humanitarios. Como é posible? Grazas a Olimpíada Solidaria que chega ao treito final da súa sexta edición. Baixo o lema A meta é axudar os patrocinadores do proxecto cambiarán cada hora de estudo por un euro de financiamento. Esta iniciativa da ONG Coopera, Cooperación Internacional e ACTEC, preséntase como un xeito doado de ser solidario ao mesmo tempo que beneficia academicamente ao participantes.
A forma de colaborar é sinxela, na entrada da Biblioteca Central e nas salas de estudo do Edificio de Ferro, do Politécnico e do Xurídico-Empresarial están instaladas as mesas da Olimpíada. Cada alumno que queira participar, ao rematar a súa xornada, deberá cumprimentar o cupón coas horas correspondentes e depositalo na urna para o seu posterior rexistro.
Dende o pasado 5 de novembro, día no que comezou a Olimpíada, “hai acumuladas máis de 6000 horas no campus, o que supón a mesma cantidade en euros”, indicou Marcos Bugallo, voluntario de Coopera. Esta é a terceira ocasión na que a Universidade de Vigo participa no proxecto e agora só queda facer un esforzo final, xa que ata este venres día 5 aínda é posible colaborar coa iniciativa. Dende a ONG “animamos a todos os estudantes a involucrarse no último treito da campaña”, engadiu Bugallo.
Nesta ocasión o financiamento que se obteña irá destinada fundamentalmente ao apoio escolar para nenos e adolescentes en Angola coa implementación do centro educativo Kudilanga ni Kudizola. Os cartos tamén se empregarán no equipamento dos obradoiros técnicos das catro escolas Mains Ouvertes de Haití, nun proxecto de formación para infancia, xuventude e mulleres en Camerún e noutro para a capacitación profesional de adolescentes, nun obradoiro de Neumática, en Ecuador.

ONG Coopera

Esta organización de Cooperación Internacional ao Desenvolvemento naceu no ano 1994 e centra a súa actividade na realización de proxectos humanitarios no ámbito da educación, da formación e da sanidade en diversos países de África e Iberoamérica. Pero Coopera tamén traballa a nivel nacional promovendo accións de sensibilización e de educación á solidariedade como a Olimpíada Solidaria de Estudo. Esta actividade comezou en Logroño no ano 2003 e pouco a pouco o seu alcance foi estendéndose. Neste momento colaboran nela estudantes de Bélxica, Burundi, Brasil, Costa de Marfil, Italia e España entre outros moitos. O obxectivo desta iniciativa, que este ano celebra a súa sexta edición, é sensibilizar aos mozos da necesidade de mellorar as condicións de vida das persoas máis desfavorecidas.
Na actualidade Coopera está a traballar tamén nun proxecto de explotación agraria para o fogar das nenas de Lubango en Angola, grazas ao cal poderán construír unha granxa e preparar terras de labranza.