DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A Cidade da Cultura de Galicia e AGADIC poñen en marcha o Espazo Coworking

A colaboración entre emprendedores permite crear unha empresa cun investimento inicial reducido

O alumnado da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación coñeceu as súas vantaxes

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Académica
Iolanda Fernández DUVI 25/04/2013

Pódese desenvolver un proxecto nunha contorna creativa, co asesoramento de expertos no sector das industrias culturais por 50 euros ao mes? O alumnado da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación comprobou esta mesma mañá que o Espazo Coworking da Cidade da Cultura permítelles aos novos emprendedores e tamén aos xa consolidados esta posibilidade, facilitándolles un espazo físico onde traballar e as ferramentas telemáticas necesarias para sacar a diante os seus proxectos a un prezo razoable. Os requisitos, segundo o técnico do proxecto, Ramón Tubío, “é ter unha idea e a intención de pola en marcha, así de sinxelo”. Na actualidade estanse a beneficiar desta iniciativa dez novos emprendedores aínda que o número de prazas é de 20 con posibilidade de ampliación en función da demanda.

No CoWorking os emprendedores non só comparten un mesmo espazo físico, unha oficina, senón tamén a mesa de traballo, o que elimina o illamento destes profesionais. Esta é unha das principais vantaxes deste proxecto xa que, neste caso, facilita o networking, mellorando substancialmente as redes de contactos na súa contorna laboral. Para a creación desta empresa, que deberá ser unipersoal, a Cidade da Cultura de Galicia e AGADIC poñen a dispor dos novos empresarios unha serie de servizos para a materialización das súas iniciativas como son as ferramentas telemáticas, un servizo de titorización na definición e na posta en marcha do proxecto, a formación avanzada en xestión de empresas culturais e creativas e os accesos ao financiamento e axudas públicas.

A maiores, a iniciativa contempla outros servizos para a dinamización e consolidación deste tipo de proxectos como son o achegamento ás técnicas de coaching, a mentorizaxe en proxectos de acceso a mercados exteriores e a participación en eventos de intercambio de experiencias e deseño de proxectos innovadores e colaborativos (creative camps). É por iso que “o emprendedor só precisará dunha grande idea, dun investimento inicial moi reducido e máis dos seus coñecementos persoais para crear unha pequena empresa“, asegura Tubío. Deste xeito, continúa, “o Espazo Coworking pretende multiplicar as posibilidades de negocio dos profesionais das industrias culturais e creativas, un ámbito que move ao ano o 2% do PIB de Galicia, datos que se sitúan moi por riba dos do sector pesqueiro”. Na actualidade, este sector conta con 3800 empresas e dá emprego a 21.000 persoas na comunidade.

Tarifas e servizos

As persoas interesadas en participar no Proxecto Coworking poderán facelos aboando 120 euros ao mes e dispoñendo dun lugar de traballo todos os días do mes en horario de apertura da Cidade da Cultura de Galicia. A xornada parcial de mañá redúcese ata os 75 euros e aos 60 en horario de tarde. Seguindo coas necesidades do perfil do sector deseñouse unha tarifa flexible de 60 euros ao mes dispoñendo da mesa e cadeira de traballo e demais ferramentas durante 40 horas ao mes en horario libre. A maiores, para membros doutros coworking ou viveiros de empresas o prezo é de 50 euros.