DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Obra de Rita Bugallo e editado pola Área de Normalización Lingüística da Universidade

A colección Òlga pecha as súas publicacións eonaviegas cun volume dedicado á literatura dramática e ao teatro

Etiquetas
  • Vigo
Mª del Carmen Echevarría DUVI 12/11/2009
A Casa do Mar de Ribadeo acollerá este sábado a presentación do terceiro volume que a colección Òlga de textos arraianos dedica á literatura eonavieaga. Froito dunha intensa pescuda que se prolongou durante máis de dous anos e medio, Rita Bugallo, elaborou o estudo Literatura dramática e teatro en galego de Asturias, unha obra que homenaxea á dramaturxia popular contemporánea en galego na Terra Eo-Navia. “O volume recompila case toda a produción da literatura dramática e teatro de tipo popular que existe na lingua galega do occidente de Asturias”, explica Xosé Henrique Costas, director da Área de Normalización Lingüística da Universidade de Vigo, editora da colección Òlga.
Fragmentos de textos inéditos que teñen a súa orixe en asociacións culturais ou particulares, así como adaptacións ao galego da zona de obras de teatro de coñecidos autores, dan fe neste volume da riqueza da literatura dramática e do teatro existente na lingua galega do occidente asturiano. A obra que ten a súa orixe na tese de doutoramento elaborada por Xoán Babarro sobre o galego do Eo-Navia e na que se recompilaba unha importante cantidade de material en bruto, completouse co traballo que durante máis de dous anos levou a cabo a técnica da Área de Normalización Lingüística, Rita Bugallo. “Dado que a reprodución de todas as obras localizadas daría para un voluminoso exemplar, foi necesario escolmar obras e non reproducir os textos das que xa foron recentemente publicadas e, xa que logo, son accesibles para o público”, explica o director da Área de Normalización Lingüística que xunto a autora e a Suso F. Acevedo, subdirector do Instituto Gamallo Fierros de Ribadeo, participarán na presentación do volume este sábado na Casa do Mar de Ribadeo.

Libro-CD recompilatorio da achegas eonaviegas

Tres son os volumes que conforman a colección Òlga dedicada á lingua e literatura galegas de Asturias. Évos un amaicer guapo. Aproximación á poesía en lingua galega do Principado de Asturias de Xoán Babarro, inaugurou no ano 2007 a colección que continuou ao ano seguinte co libro de Suso Fernández Acevedo, A herdade que nós temos. Historia e escolma da prosa en galego do Eo-Navia, onde se fai unha exposición da prosa literaria, xornalística, epistolar, científica etc; producida nesa área, sobre todo no século XX. A obra de Rita Bugallo Literatura dramática e teatro en galego de Asturias que agora se presenta, completa a colección que en breve será recollida nun libro-CD.
A xente que soña esperta: recolla de achegas á lingua e literatura galegas de Asturias publicarase o vindeiro mes de decembro e incluirá versións de todos os traballo que inclúe para descarga en e-book, converténdose así na primeira publicación destas características da Universidade de Vigo. O libro-CD completarase co Informe lingüístico sobre a nosa Terra Eo-Navia publicado pola Asociación Abertal en 2007, traducido a catro linguas (galego eonaviego, asturiano, castelán e catalán); o Repertorio toponímico e xentilítico da Terra Eo-Navia elaborado por Carlos Xesús Varela que inclúe m´çais de 9000 topónimos eonaviegos e máis a actualización normativa da Orientación prá escrita da nosa lingua, da Asociación Abertal del Eo-Navia.

Novos horizontes para a colección Òlga

Unha vez finalizada a colección que recolle as achegas eonaviegas ,a colección Òlga, segundo avanza Xosé Henrique Costas, ampliará os seus horizontes “con estudos sobre a lingua e literaturas do Bierzo Occidental e das Portelas de Zamora, na Comunidade Autónoma de Castela-León”. As novas publicacións que comezarían a editarse en 2010 teñen o obxectivo de seguir dando a coñecer a lingua e cultura galegas arraianas da franxa exterior oriental.