DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O grupo foi escollido entre máis de setenta propostas para abrir o festival

O colectivo LIBA, formado por alumnos de BBAA, abrirá "Serralves em Festa" cunha peza baseada na filosofía "flashmob"

O festival é unha das citas artísticas máis importantes do noroeste peninsular

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Cultura
Camino Carballeira DUVI 29/05/2009

A golpe de mensaxes sms ou correos electrónicos unha multitude reúnese para realizar unha acción espontánea. É a filosofía do flashmob que o Laboratorio de Investigación en Bellas Artes (LIBA), un grupo nacido dos cursos de doutoramento da Universidade, vai poñer en marcha esta fin de semana en Serralves em Festa, unha das citas artísticas máis importante do Noroeste da península. A peza que presentaron ao concurso, PERFO(RE)SEARCHES, foi escollida entre máis de setenta propostas presentadas á organización.
Segundo explica María Magán, unha das integrantes do colectivo, que a día de hoxe conta con 19 membros, “realizaranse unhas vinte accións separadas por tempos, coas que cuestionamos os comportamentos sociais”. Unha sucesión de accións e dispersións marcarán o ritmo da intervención do grupo en Porto cun proxecto creado expresamente para esta ocasión. O dadaísmo, a escultura social de Joseph Beuys, o Pop Art de Andy Warhol, a mímica, o teatro de rúa e as novas redes sociais telemáticas formarán parte deste exercicio de axilidade, resistencia e estética.
Haberá seis oportunidades ao longo da fin de semana para gozar da súa actuación. O sábado, ás 11.00 horas en Santa Catarina, e ás 18.00 e 21.00 no parque de Serralves. O domingo, as citas serán ás 13.00, 19.30 e 21.00 horas no parque de Serralves. Aparicións que se unen a un programa de oitenta actividades, máis de 300 artistas e douscentos momentos de representacións.
O colectivo, que tamén actuou no Festival Desfunción, leva traballando desde finais de 2008 e aínda que reúne a artistas “de diferentes disciplinas” úneos “a investigación e a necesidade de debater sobre que é o que hai que investigar nas Belas Artes, cunha metodoloxía de traballo creativo”, explica. Para estas actividades conta co apoio da Universidade e da Vicerreitoría de campus.

Serralves em Festa, un referente

Este festival é unha das citas artísticas máis importantes do noroeste da Península, con 40 horas non-stop de actividades culturais como danza, teatro, circo contemporáneo, cinema, vídeo, fotografía ou performances. O evento está aberto a calquera tipo de público, é gratuíto e o ano pasado conseguiu que máis de 80.000 persoas pasasen por el nos dous días que durou. Además, Magán sinala o “caché” que lle aporta a Fundación que está detrás da organización, unha institución cultural de ámbito europeo que ten como obxectivo sensibilizar ao público para a arte contemporánea.

Apertada axenda nos vindeiros meses

Paralelamente á creación da performances que van realizar esta fin de semana en Porto, o LIBA está colaborando na organización das mesas redondas de Roteiro de Creación, evento artístico celebrado en Santiago de Compostela que avoga por establece un diálogo fecundo entre a cidade, as artes, os seus produtores e a cidadanía. A finais de mes, o grupo tomará a Sala X para a realización dun work in progress. Xa en setembro o colectivo presentará unha instalación multimedia no Centro de Arte y Creación Industrial Laboral de Xixón.