DUVI

Diario da Universidade de Vigo

No Centro de Arte y Creación Industrial de Xixón

O colectivo LIBA reflexiona sobre o pensamento intuitivo con "Desea, Piensa, Parpadea"

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Cultura
Camino Carballeira DUVI 22/09/2009

Unha mesa cun volume de 80x60x70 centímetros pode abondar para representar sobre ela as obsesións persoais dun artista. Se ademais esta mesma práctica é repetida por outros e as obras interconectadas, xa temos posto sobre a mesa o funcionamento do pensamento creativo e unha obra, colectiva un tempo e individual na súa orixe. Esa é a proposta que o colectivo LIBA, xurdido a raíz duns seminarios de doutoramento da Facultade de Belas Artes, levou ao Almacén Sur do Centro de Arte y Creación Industrial de Xixón. Desea, Piensa, Parpadea é o seu título e permanecerá aberta ata o 9 de novembro.
A mostra está concibida como unha homenaxe a Malcolm Gladwell, autor da obra Intelixencia intuitiva: por que sabemos a verdade en dous segundos?, e por iso o seu esquema é o dun “mapa conceptual que nos conduce dunha idea á outra”, explica o colectivo. É por iso que as mesas están conectadas por unha maraña de cables que, como axións neuronais, reciben e emiten estímulos e pasan dunha idea a outra, simulando o comportamento neuronal do pensamento creativo. Cada mesa está iluminada, momentaneamente por unha bombilla e no tempo que loce, simboliza unha neurona e, cada neurona, unha idea.
Cada unha das pezas é unha obsesión persoal posta sobre a mesa e en conxunto ofrecen unha variada proposta. Así, mentres unha peza rompe coa filosofía do “prohibido tocar” dos museos, outra realiza un “intento de colonización emocional” mediante unha maqueta dactilar. Tamén hai “propostas de mínimos” que entenden “a mesa como obxecto artístico que calza nas súas patas libros de Deleuze, Guattari, Martha Rosler ou Marcelo Expósito ou “investigacións fenomenolóxicas”, de experimentación plástica con linguaxes puramente sensoriais.
O espazo xixonés foi inaugurado o pasado mes de abril e está destinado a albergar manifestacións artísticas desenvolvidas fóra dos cauces habituais e promovidas e xestionadas directamente polos propios creadores, como é o caso.

Xestado na Aula Tecnolóxica e na Sala X

A instalación é froito da mostra Please wait que en xullo o colectivo amosou na Sala X do campus. Ese proxecto, converteu o espazo nun taller performático, cuestionando así o obxecto artístico, os usos do espazo expositivo e o papel da audiencia como un elemento activo na execución da obra final. Alí comezou a xestarse este proxecto, que grazas a un curso da Aula Tecnolóxica da Casa das Campás sobre programación con Arduino, ofreceulles a este grupo de artistas multidisciplinares un nexo común. É por iso que o profesor dese curso, AlbertoValverde, está como artista invitado desta vez.

Importantes colaboracións e “Chámalle X” no horizonte

En menos dun ano de vida o colectivo xa ten realizado intervencións destacadas. Abriu, cunha peza baseada na filosofía flashmob, o Festival da Fundación Serralves en Porto, que na súa sexta edición bateu récord de visitantes, chegando aos 87.000 na que é unha das citas artísticas máis importantes do noroeste da península. Expuxeron un work in progress na Sala X do campus e colaboraron no Abrazos Festival de Santiago de Compostela. A próxima aparición será en Chámalle X, as xornadas de arte en acción que se celebrarán no campus os vindeiros 10, 11 e 12 de novembro.