DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nun obradoiro organizado co gallo da do Día Internacional da Muller

O colectivo METT 03.04 afonda co alumnado na linguaxe corporal de homes e mulleres

Os participantes reflexionaron sobre a orixe biolóxica e/ou cultural destas diferenzas

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Rosa Tedín DUVI 13/03/2012

O día 8 de marzo xa queda atrás no calendario pero os actos de conmemoración do Día Internacional da Muller continúan no campus de Ourense. Este martes foi o momento de reflexionar, a través dun Obradoiro de linguaxe feminina/masculina ofrecido polo colectivo artístico Miscelánea En Tres Tempos METT 03.04, sobre como o corpo de homes e mulleres se expresa e comunica fisicamente de xeito diferente. Alumnos e alumnas intercambiaron por un anaco os roles e xogaron a pórse na pel do outro e interpretar como sería a súa linguaxe corporal se o seu sexo fose o oposto.

O obradoiro do colectivo METT 03.04 foi impartido polas súas compoñentes, as creadoras Silvia Ojea, Bibiana Lorenzo e Andrea Valado. “O que pretendemos con esta actividade é que cada un dos asistentes se prantexe a reflexión de se os xestos físicos característicos de homes e de mulleres, voluntarios ou involuntarios, son tales por cuestións biolóxicas e/ou culturais e sociais”, explicou Silvia Ojea.

O que os xestos agochan

A elección desta temática para o obradoiro, explica Bibiana Lorenzo, débese á importancia da linguaxe corporal, “a forma básica de comunicación humana” que tamén caracterizan os roles masculino e feminino. Para afondar nela, durante a actividade as creadoras e o alumnado foron debullando as características de expresión facial e corporal que tradicionalmente se adxudican a homes e a mulleres, identificándoas e interpretándoas de xeito crítico.

En total, explicou Bibiana Lorenzo, deseñaron tres actividades para o medio cento de alumnos participantes no obradoiro. A primeira acción consistiu nunha proxección de vídeos sobre a linguaxe corporal. Seguiulle a realización dun test sobre comportamentos femininos e masculinos e finalmente unha actividade de representación de escenas de películas a cargo dos asistentes ao obradoiro, que intercambiaron os roles, actuando os alumnos nos papeis femininos e viceversa.

O ser andróxino

As actividades do colectivo Miscelánea En Tres Tempos METT 03.04 continuarán este mércores, día 14 de marzo, cunha visita guiada á exposición Muller, arte e creatividade do Museo Municipal de Ourense. O día 15, Andrea Valado, xunto a Ana Rodríguez, titulada da Escola de Moda de Santiago de Compostela, ofrecerá unha conferencia sobre A figura do ser andróxino, moda, arte ou necesidade?. A temática da conferencia terá continuidade ese mesmo día cun Obradoiro de caracterización que tentará achegar o sexo masculino e o feminino, creando apareciencias mediante a maquillaxe e o vestiario.