DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Os artistas reconstruíron o espazo dunha vivenda oculta detrás dun cartaz publicitario

O colectivo Weareqq amosa na Sala Alterarte como sería vivir na boca dun político

A exposición poderá visitarse ata o día 28 de maio

Etiquetas
  • Ourense
  • Cultura
Raquel Feijóo DUVI 23/04/2010

Todo comezou no ano 2009 cando os artistas Usue Arrieta e Vicente Vázquez, integrantes do colectivo Weareqq, gozaban dunha bolsa de estudos en Rosario, Arxentina. Un día, paseando por unha das rúas principais da cidade, descubriron unha enorme pancarta publicitaria coa imaxe en primeiro plano do político Diego Giuliano cubrindo a fachada dun espectacular edificio de 30 plantas. A cousa non tería maior importancia se non fose porque na boca da fotografía do político había un buratiño, polo que quixeron ver que había detrás e descubrir o porque dese oco. A resposta que atoparon foi ben sinxela. O cartel cubría unha das fiestras do piso no que vivía Armando Morales quen, nin corto nin preguiceiro, decidiu arrancar ese anaco de cartaz para restituír así a luz natural do seu cuarto de baño. O que fixeron Usue e Vicente foi, xa que logo, entrar nese burato, nese piso que se atopaba detrás da boca do político para ver como se vive no seu interior. Os artistas presentan agora na Sala Aterarte do campus unha reconstrución daquel espazo materializado a través de vídeos, debuxos sobre parede, o propio recorte do cartaz e fotografías, entre outros recursos. A exposición inaugurouse este venres no transcurso dun acto que contou coa presenza do vicerreitor do campus, Juan Francisco Gálvez e permanecerá na sala ata o día 28 de maio.

O impacto estético dunha acción doméstica

O detonante do proxecto dos artistas foi esa acción de Armando Morales de tentar restituír a luz natural do seu cuarto de baño. Segundo explica Vicente “pensamos que nesa pequena acción doméstica e persoal existía unha compoñente estética moi potente e decidimos aproveitalo porque nos pode servir para reflexionar sobre moitas cousas”. A mostra está dividida en dúas partes. Na primeira delas proxéctase un vídeo de 12 minutos de duración que presenta os espazos interiores da vivenda de Armando Morales acompañados pola historia do corte da pancarta publicitaria relatada polo propio protagonista da acción con voz en off. Os artistas reservaron o espazo máis amplo da sala para a segunda parte da exposición, unha instalación composta por varios elementos. O primeiro deles é unha maqueta do edificio feita a escala e iluminada por un proxector de transparencias, un obxecto na actualidade case obsoleto pero que os artistas quixeron recuperar para a mostra no seu obxectivo de adaptar os seus proxectos expositivos aos espazos que os acollen. Segundo Usue, “estamos nunha universidade polo que nos preocupamos por utilizar algún obxecto que fixera referencia a este espazo e pensamos que o proxector de transparencias sería unha boa opción ao ser un aparello moi utilizado nas aulas ata hai pouco tempo”. Na instalación tamén se amosa a boca do político, é dicir, o anaco de cartel arrincado por Armando Morales que os artistas trouxeron dende Arxentina e montaron sobre dúas pranchas de metacrilato. Outros obxectos con que conta a mostra son 2010 folios co texto En estado de ingravidez impreso, un mural construído coa técnica do pegado publicitario e que quere ser unha imaxe do edificio de enfronte dende o que se realizou a gravación do vídeo, fotocopias dun texto escrito polo propio Morales no que conta o porque da súa acción e fotografías impresas que inmortalizan outros formatos da mesma campaña publicitaria.

Que cadaquén saque as súas propias conclusións

Tanto Usue como Vicente recoñecen que as campañas políticas teñen un certo carácter grandilocuente que repercute na contorna onde se realizan. Con todo matizan que o seu obxectivo coa posta en marcha deste proxecto non é facer ningún tipo de crítica porque, como sinalan, “nós traballamos no campo dos signos e dos símbolos e limitámonos a sinalar este tipo de cousas polo que a lectura da mostra debe facela o espectador e non nós”. Os artistas tentaron construír a idea do que significa vivir a vida na boca dun político en estado de ingravidez coa finalidade de que os visitantes “pensen como sería vivir neste espazo, un lugar físico real que foi construído como un espazo para a imaxinación e a reflexión”, declaran.
Usue Arrieta e Vicente Vázquez formaron o colectivo Weareqq no ano 2003 e levan traballando xuntos dende aquela. O seu material de traballo son espazos sociais, económicos e mesmo políticos, realidades tanxibles que logo materializan en sobrias producións. Teñen estado presentes en diferentes lugares, con propostas para espazos públicos e máis en diferentes contextos expositivos tanto no estado español coma no extranxeiro.