DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Coa inauguración dun punto de información na Facultade de Ciencias da Educación

Colexio oficial de Traballadores Sociais e Universidade estreitan lazos

A través desta iniciativa os estudantes poderán precolexiarse antes de ser titulados e tituladas

Etiquetas
  • Ourense
  • Institucional
DUVI 06/02/2015
Novo paso para reforzar a relacións institucional entre a Universidade de Vigo e o Colexio Oficial de Traballadores Sociais de Galicia. Froito do convenio de colaboración entre a Facultade de Ciencias da Educación e o propio órgano colexiado, a decana Mar García Señorán e o xerente do colexio, Víctor González Meizoso, inauguraron esta semana un Punto de Información Colexial (PIC) dirixido aos estudantes do grao de Traballo Social e que servirá para estreitar lazos entre as dúas institucións.

Situado no cuarto andar do Edificio de Ferro, este punto de información achegará aos alumnos e alumnas de Traballo Social “á organización e a estrutura colexial” da que será a súa futura profesión; os manterá informados das actividades que realiza o colexio profesional, como cursos, prazas, obradoiros...; e, o máis importante, facilitaralles dende a propia Universidade de Vigo a súa incorporación ao mercado laboral. Esta iniciativa daralle por primeira vez a posibilidade a todos os estudantes de Traballo Social de precolexiarse, accedendo a toda a información e servizos que se pode prestar dende o colexio profesional antes sequera de ser titulados e tituladas.

Esforzos en tempos de crise

A presidenta do Colexio Oficial de Traballadores Sociais de Galicia, Marta Capeáns, asegurou que a inauguración deste novo punto de información na Universidade de Vigo, eixo da formación dos futuros traballadores e traballadoras sociais da comunidade galega, ratificaba “a necesidade de achegar o mundo profesional ao estudantado nun momento en que todo o esforzo para facilitar a súa próxima inmersión no mundo laboral é pouco”. Neste sentido, a decana da Facultade de Ciencias da Educación, Mar García Señorán, salientou as boas relacións que existen entre o centro e o colexio profesional e a importancia dunha iniciativa que, sen dúbida, “redundará positivamente nos estudantes da titulación de Traballo Social”.

Durante a inauguración acompañaron a García Señorán e a González Meizoso a coordinadora do Grao de Traballo Social e membro da xunta de goberno do Consejo General del Trabajo Social, Carmen Verde; os coordinadores de curso, Mónica López viso e Francisco Aguiar; así como outros profesores da titulación e alumnos e alumnas. Tras a celebración de este acto académico e profesional, o colexio oficial quixo agasallar cunha axenda tanto aos estudantes como aos docentes e ao equipo decanal.