DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A investigadora alemá Dana Tillich realizou este cuadrimestre unha estadía no campus

De Colonia a Ourense para afondar no dereito da lexítima

No marco da elaboración da súa tese de doutoramento

Etiquetas
  • Ourense
  • Investigación
Rosa Tedín DUVI 02/07/2014

Un dos aspectos máis enriquecedores no arduo proceso de elaboración dunha tese de doutoramento é a realización de estadías noutras universidades ou países para completar a investigación. Esta mobilidade ten a particularidade de ser de ida e volta, xa que do mesmo xeito que investigadores do campus de Ourense se van fóra a ampliar coñecementos investigadores estranxeiros veñen ao campus a aproveitar os seus recursos para avanzar nas súas áreas de estudo. Este foi o caso da investigadora Dana Tillich, do Instituto de Dereito Internacional Privado e Estranxeiro da Universidade de Colonia, en Alemaña.

“Vin a Ourense porque estou a facer unha tese de doutoramento que se centra na lexítima no dereito común español e no dereito foral de Galicia, baixo a perspectiva do dereito comparado co dereito alemán. A estadía en Ourense deume a posibilidade de acceso a moita literatura que en Alemaña non estaba dispoñible”, explica a investigadora xa de volta en Colonia. Desde finais de marzo e ata finais de xuño, Tillich estivo traballando na Facultade de Dereito na súa tese, traballo para o que contou co apoio de docentes do centro, como Miguel Ángel Michinel. “Sobre todo aproveitei o tempo para consultar moita bibliografía nas bibliotecas universitarias de Ourense, de Vigo e de Santiago de Compostela, e as bases de datos dispoñibles na Facultade de Dereito de Ourense. Tamén tiven a ocasión de falar sobre o meu tema con profesores de Dereito Civil da Universidade de Vigo, que me deron consellos moi valiosos”, comenta a investigadora.

Boa acollida no centro e boa impresión da cidade

Dos tres meses que estivo no campus de Ourense, a investigadora lévase unha moi boa impresión. “Os profesores e o persoal da Facultade de Ourense, do mesmo xeito que o persoal doutras instalacións do campus, foron moi amables e sempre á miña disposición cando necesitaba algo. A súa axuda foi rápida e sempre moi eficiente. No contacto cos profesores e coa administración tiven sempre a sensación de que o centro se esforza moito en ofrecerlle aos estudantes o mellor servizo posible”, subliña Dana Tillich. Froito desta boa experiencia, apunta, leva material de interese para a súa investigación, unha experiencia persoal e profesional moi enriquecedora e boas amizades.

A súa estadía en Ourense tamén lle permitiu non só coñecer o campus senón tamén a propia cidade. A súa impresión coincide coa da maioría de estudantes e docentes que veñen en actividades de mobilidade. “Ourense é unha cidade moi agradable para vivir, todo se pode alcanzar andando, incluído o campus, e na miña opinión ofrece todas as instalacións necesarias para vivir comodamente”, apunta a investigadora alemá. Por esta boa impresión da cidade, da Universidade e da súa xente, de cara o futuro agarda seguir en contacto coa Facultade de Dereito a través de proxectos que poidan xurdir de interese común.