DUVI

Diario da Universidade de Vigo

15 estudantes brasileiros fórmanse este curso en Dirección e Xestión Pública en CCSS e da Comunicaci

A colonia paulista do campus multiplícase

Trátase do grupo máis numeroso desde a posta en marcha da dobre titulación coa Universidade de Sao P

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Estudantes
Eduardo Muñiz DUVI 05/02/2015

Máis aló de cambiar o frenético ritmo de Sao Paulo por unha Pontevedra que todos definen como “unha cidade moi tranquila”, é o valor engadido que supón para o seu currículo converterse en titulados e tituladas tanto pola súa universidade de orixe como pola de Vigo o principal culpable de que, no presente curso, 15 brasileiros e brasileiras se formen en Dirección e Xestión Pública deste lado do océano. “Contar cunha experiencia internacional, ademais de coñecer un novo idioma é algo moi valioso para nós desde un punto de vista profesional”, destaca Isadora Ortegosa, unha das oito alumnas que neste cuadrimestre veñen de incorporarse ás clases na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación.

A estes oito estudantes súmanse ademais outros sete chegados con anterioridade ata o campus pontevedrés e que fan posible que no presente curso esta titulación conte coa colonia paulista máis importante desde a posta en marcha do convenio de dobre titulación coa Universidade de Sao Paulo. Trala chegada dos tres primeiros estudantes a comezos de 2013 e dos seis brasileiros que aterraron no campus o pasado curso académico, agora son xa 15 os estudantes en Pontevedra “da Universidade máis importante de América Latina”, como salienta o profesor Álvaro López Mira, coordinador na UVigo do convenio de dobre titulación que permite ao estudantado de ambas institucións completar os seus estudos como graduados en Dirección e Xestión Pública e titulados en Xestión de Políticas Públicas pola USP ao mesmo tempo. Para iso, “deben superar 60 créditos ECTS e, por mor da lexislación española, presentar aquí o seu traballo de fin de grao”, relata este docente, que este xoves reuniu nun almorzo ao estudantado brasileiro da titulación coa idea de “axudar a súa adaptación”.

Unha oportunidade para saber das autonomías, da UE e tamén da crise

Aínda que como mínimo deben permanecer un ano na universidade de destino, o convenio asinado entre a UVigo e a USP permite ao estudantado alongar a súa estadía do outro lado do Atlántico ata un máximo de dous, o que fai posible que neste grupo de 15 estudantes existan casos como os de Yuri Fraccaroli e Mariana Cruz, que tras chegar a Pontevedra a comezos do pasado curso, atópanse xa na recta final da súa estadía en Galicia, preparando os seus traballos de fin de grao. “Ao principio foi un desafío moi grande para nós, pero tamén foi unha experiencia moi enriquecedora”, destaca Fraccaroli, que incide no valor que tivo para a súa formación poder observar de preto “cousas que alá só podes ver nos libros, como o funcionamento das autonomías” ou “a forza que ten a Unión Europea e a súa influencia nas políticas dos países”, como engade Cruz. E tamén achegou un novo enfoque á súa aprendizaxe “o momento económico, que é tamén moi distinto, xa que cando viñemos alí había protestas que cuestionaban o sistema político, pero non unha crise como a que atopamos aquí e da que puidemos coñecer a presión que xera na función pública”, apunta Fraccaroli, quen recoñece que, a nivel formativo, “en certo senso, foi como ver a outra cara da moeda”.

Un engadido para o currículo

“En Brasil está moi ben visto, desde o punto de vista profesional, contar cunha dobre titulación”, apunta Karina Santos, unha estudante chegada a Pontevedra a comezos de curso e que incide en como axudan a complementar a súa formación “as diferencias que existen no método académico, xa que no Brasil vemos moita máis teoría e aquí os estudos son máis prácticos”. Nesa mesma liña incide Sofía Faria, unha das oito estudantes da USP que inician este cuadrimestre un ano de formación no campus. “As clases son moi interesantes, xa que, para min, a parte práctica é algo fundamental, porque ver como se plasman as ideas axuda a comprendelas e tamén a ver que a teoría non sempre se aplica”.

“A dobre titulación é moi importante para o noso currículo, pero vir aquí tamén che permite coñecer outro idioma e outra cultura”, engade Flavia Rodríguez, outra das estudantes que vén de iniciar a súa estadía nunha cidade da que destaca a súa tranquilidade. “Sao Paulo é unha cidade inmensa, na que tes que coller o metro para todo, mentres que aquí podes ir camiñando dun lado a outro”, engade ao respecto Raissa Tavares.

Galegas do outro lado do charco

Do mesmo xeito que fixo posible a chegada destes 15 estudantes a Pontevedra, o convenio de dobre titulación tamén provocou que no presente curso haxa por primeira vez estudantes galegas cursando Xestión de Políticas Públicas na USP. Trátase de Elisa Sánchez e Daniela Alves, dúas alumnas que recoñecen que están a vivir “unha moi boa experiencia” no Brasil, que mesmo lles está facendo pensar en continuar o vindeiro curso do outro lado do Atlántico. “Estamos moi contentas”, recoñece Sánchez da súa estadía nunha facultade “na que a xente é moi aberta e axúdache a integrarte desde o primeiro día”. Todo iso a pesares de que, como engade Alves, “o primeiro mes foi moi difícil, xa que tes que acostumarte a un idioma novo, a unha cultura nova e a unha cidade enorme, cun ritmo de vida moi acelerado”, así como a “unha forma de ensinar moi diferente, cun nivel moi alto de participación nas clases e unha maior carga de traballo”.