DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Acadaron 315 participantes no primeiro cuadrimestre

Combinación de exercicio e entretemento para todos os gustos na segunda quenda das Escolas Deportivas

O prazo de inscrición estará aberto desde hoxe ata o 18 de febreiro

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Deportes
Esmeralda L. Castro DUVI 08/02/2010

Desde hoxe ata o 18 de febreiro estará aberto o prazo de novas inscricións nas Escolas Deportivas para o segundo cuadrimestre, cunha oferta variada para atraer a todos os gustos e fomentar o exercicio físico saudable. O obxectivo é, segundo Gustavo Loureiro, o técnico deportivo do campus, “fomentar a participación en actividades deportivas que integran á vez exercicio físico e entretemento, cunha oferta ampla para que a comunidade universitaria teña onde elixir”. No primeiro cuadrimestre rexistrouse unha participación de 315 usuarios e usuarias, sendo pilates, aeróbic, natación e cardio-fitness as actividades máis demandadas.
O programa do Pavillón Universitario para este cuadrimestres está constituído por aeróbic e power pump, danzas orientais, pilates e tenis, así como os programas En boa forma e A correr, ao que lle hai que sumar as múltiples actividades dos centros deportivos e ximnasios da cidade colaboradores desta edición. Estes son os centros Budo e Onsen, a piscina de Campolongo e os ximnasios Ardeas e Mace Sport, que amplían o abano de alternativas con actividades como indoorwalking, natación, aquaerobic, aquastep, ioga, tai chi, capoeira, kung fu, taekwondo ou bailes latinos. Segundo Loureiro, “a xente demanda cada vez menos actividades puntuais e a tendencia é que se decanten por servizos integrais, que lle permitan acceder a varias actividades e á sala de máquinas, sen estar suxeitos a horarios, malia ser algo máis caro”.

Prezos e horarios variados

Poden anotarse ás Escolas Deportivas todos o membros da comunidade universitaria. Concederase un crédito de libre configuración nas actividades cunha duración de cando menos 30 horas, xustificando unha asistencia mínima do 80%. En actividades con niveis de iniciación e perfeccionamento, poderase acadar un crédito por nivel. As inscricións deben realizarse no Pavillón Universitario e os prezos e horarios, diferentes segundo a actividade, poden consultarse na web do Servizo de Deportes.
As actividades do segundo cuadrimestre das Escolas Deportivas prolongaranse ata o 7 de xuño, cun parón entre o 5 de o 13 de abril por causa da Semana Santa.

Adestramento personalizado

Coller unha rutina deportiva por conta propia é difícil, polo que resulta máis efectivo ter un adestrador persoal. Con esta intención impulsáronse os programas En boa forma e A correr, que complementan as actividades das Escolas Deportivas. Propoñen facer exercicio de forma personalizada, seguindo un programa de adestramento individualizado e contando co asesoramento de profesionais tanto do ámbito da actividade física como da medicina deportiva. As dúas actividades teñen unha vixencia de tres meses de duración, contados a partir da data de inscrición, e poden seguirse de xeito combinado. Inclúen unha revisión médica inicial, para avaliar o estado físico e de saúde de partida, e outra final, para comprobar a efectividade do programa.

Fidelidade no primeiro ano da sala de cardio-fitness

A sala de cardio-fitness do Pavillón Universitario vén de cumprir un ano de apertura acadando unha considerable cota de fidelidade. Rexistra unha media diaria de 70-80 usuarios, que empregan as súas instalacións como lugar habitual de adestramento. No que vai de curso xa suma máis de 90 inscritos, 59 deles a través da Tarxeta Deportiva Universitaria (TDU), 33 no programa En boa forma e os restantes con bonos individuais. Dese total un 70% son homes e o 30% mulleres.
A sala conta con todo tipo de máquinas apropiadas para o exercicio aeróbico (cinta, elíptica, bicicleta, remo-ergómetro...) e para a musculación (lumbares, isquiotibiais, multicadeira, prensa de pernas, ombreiros e peito, multipower, plataforma vibratoria, barras olímpicas ou material de propiocepción). Ten un horario amplo, de 9.00 a 14.00 e de 16.00 a 22.00 horas os luns, mércores e venres; e de 9.00 a 14.00 e de 14.30 a 22.00 horas os martes e os xoves. Ademais da comunidade universitaria, poden facer acceder a ela usuarios externos a través da compra de bonos de dez e vinte sesións.