DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Barry McCrea, escritor irlandés autor de "Literati":

“Comecei na literatura buscándome a min mesmo, pero dinme conta de que é inútil”

O autor imparte un seminario estes días no Máster de Estudos Ingleses Avanzados

Etiquetas
  • Vigo
  • Académica
M. Del Río DUVI 26/05/2010

A súa ópera prima, Literati, foi publicada antes en Estado Unidos e incluso en España que no seu país natal, Irlanda, “ninguén é profeta na súa terra”. Pero a súa repercusión internacional fixo que a crítica comparase o libro por contido con O gardián entre o centeo de Salinger ou Baixo a roda de Herman Hesse. Moi modesto para aceptar estes paralelismos, Barry McCrea atópase estes días en Vigo para impartir un seminario monográfico de especialización literaria-cultural dentro do Máster de Estudos Ingleses Avanzados. Durante a súa estadía, o escritor irlandés e profesor de Literatura Comparada da Universidade de Yale fala para o Duvi na súa experiencia como escritor e na súa visión da literatura.

Está vostede estes días en Vigo para colaborar como docente no Máster de Estudos Ingleses Avanzados. É este o seu primeiro contacto coa Universidade de Vigo?
Pois a verdade é que estou aquí convidado pola profesora Teresa Caneda, coordinadora do mestrado, á que coñecín nun congreso sobre James Joyce.

Pero o seu español é moi bo, que relación ten vostede con España?
Por que son licenciado en literatura francesa e española e pasei varios veráns en España.

Que van aprender os alumnos do máster estes días nas súas clases?
Pois a verdade é que Teresa Caneda me pediu que lles falase aos alumnos da miña propia obra, Literati, publicada en 2005 en Estados Unidos e en 2007 en España, e está será a primeira vez que o fago, porque falar da obra dun mesmo non é unha tarefa sinxela. Eu son profesor de literatura e estou afeito a explicar aos alumnos as novelas de outros, pero é moi diferente o meu traballo como profesor do de escritor. Con todo tamén quero falarlles do contexto, da literatura tradicional irlandesa e dos cambios que ten sufrido, da súa evolución, para que entende onde se sitúa a miña obra.

E a súa obra, Literati, sobre que versa?
Fala dun mozo estudante irlandés de 19 anos que se vai da casa para estudar en Dublín. Alí relaciónase cunha especie de seita ou grupo literario que dos libros un xogo. Fanse preguntas que responden abrindo ao azar libros e seleccionando parágrafos, semella un xogo inocente pero remata sendo unha obsesión. Pero é tamén unha obra que describe a vida universitaria do protagonista, a noite, as relacións sociais...

Semella ter tamén algo de novela iniciática?
Eu diría que ao mesmo tempo a trama é moi tradicional, pero tan algo de viaxe iniciático, de novela de aprendizaxe. É unha historia coñecida e facilmente identificable, un mozo que se atopa ante un cambio na súa vida, cambia de lugar pero se atopa ante unha transformación vital, pasar da adolescencia á madurez.

Na súa obra, o azar e a literatura comparte relevancia co protagonista?
O azar escolle os parágrafos dos libros, ambos son verdadeiros protagonistas da novela polo que os lectores poden atopar nela tamén moitas referencias literarias.

Durante o proceso de escrita de Literati vostede mesmo empregou esta mesmo xogo...
A verdade é que o fixen pero con trampa, porque se un parágrafo non se adecuaba á miña pregunta, cambiaba dúas ou tres veces, por si entendo que azar e libros son tan protagonistas como o protagonista.

Dixo vostede nunha ocasión que a literatura non é unha caixa de respostas, senón de ferramentas. Que quere dicir?
Para min a lectura é un encontro, unha conversación entre o lector e o texto. Unha novela non é un obxecto finalizado, é un proceso, uns sistema no que cada un achega a súa propia experiencia previa polo que un libro é diferente en mans de cada lector. É moi interesante entender que o linguaxe é a parte común de todo isto, pertence a todos e é algo que comparten lector e texto, é un patrimonio común. Este cambio no meu modo de entender a literatura deuse porque eu comecei buscándome a min mesmo e dinme conta de que é inútil, as obras non son dos individuos senón algo común.

Atrévese a recomendar aos lectores a súa novela?
Literati ten un ritmo trepidante e un efecto hipnótico e resulta moi difícil despegarse da súa lectura –responde Teresa Caneda ante a indecisión de Barry McCrea-. É hipnótico -continúa o escritor- porque reflexa a experiencia hipnótica do protagonista coa seita, a súa adicción á lectura, é unha especie de xogo de espellos de xeito que o lector viva ese trance ao tempo que o fai o protagonista.

Como asimila un escritor un cambio radical na súa traxectoria que fai que pase de tardar catro anos en conseguir que se publique a súa obra a ser comparado cos grandes nomes da literatura como Herman Hesse, Joyce ou Beckett?
Compararme con Joyce é ridículo e dígoo con coñecemento de causa porque son un estudoso da súa obra e só pode dicir isto alguén que non a coñeza. Entendo que o din polas referencia que hai na novela á súas obras, pero que tamén se poden atopar reminiscencia de autores como Proust o algúns outros escritores en lingua española.

Finalmente, está xa vostede traballando xa en algún outro proxecto literario?
Non me marco tempos nin metas, pero si estou traballando nunha nova obra, pero esta vez é un libro académico sobre James Joyce.