DUVI

Diario da Universidade de Vigo

"Brokers", a última montaxe de Yllana

Comedia financeira en tempos de crise no Teatro Vidal Bolaño

Milladoiro presentará o seu último disco no concerto de Nadal

Etiquetas
  • Vigo
  • Cultura
Lucía Costas DUVI 03/12/2008
O Teatro Vidal Bolaño, ateigado de público, foi o escenario do estreo en Vigo de Brokers, a última montaxe da compañía madrileña Yllana, unha das máis premiadas do panorama nacional. A obra retrata, coa habitual linguaxe dos cómicos do grupo, o salvaxe e irreverente mundo das altas finanzas, onde a carreira polo triunfo descobre o seus medos máis ocultos, provocando situacións ridículas que fan tremer aos alicerces da sociedade de consumo. Catro tiburóns dos negocios que perseguen o éxito nun mundo consumista, fanáticos da moda, das últimas tecnoloxías, da comida sana e do culto ao corpo centran o argumento de Brokers. Os personaxes deslízanse no universo do luxo e do diñeiro para amosarnos a súa tola e desternillante forma de ver o mundo; o luxo, a fama, o poder, o narcisismo e o estatus son os seus tics culturais.
Esta é a segunda vez que a compañía representa en Galicia esta produción despois de facerse co Premio do Público ao Mellor Espectáculo do XVII Festival Internacional de Outono de Teatro de Carballo.
Yllana comezou a súa andaina en 1991 e dende entón, a través das súas escenificacións, amosa ao público cómo facer humor sen palabras, acelerando a linguaxe da onomatopeia e creando un mundo surrealista e delirante onde todo pode acontecer. As producións desta compañía teatral foron representadas en máis de 2000 ocasións en 29 países e diante de 800000 espectadores.

Peche da programación cultural do 1º cuadrimestre

Brokers será a última das representacións teatrais deste primeiro cuadrimestre. A programación cultural no campus, organizada pola Vicerreitoría de Extensión Cultural e Estudantes, péchase este ano co espectáculo In Situ de Boni, o vindeiro mércores 10 de decembro ás 14.00 horas no Centro Comercial e co tradicional concerto de Nadal protagonizado polo grupo Milladoiro, que presentará o seu último disco A quinta das lágrimas e a fadista Mafalda Arnauht, no Centro Cultural Caixanova de Vigo o día 17 a partir das 20.30 horas.