DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Comer cos ollos nunca foi tan saudable

Comerciencia mestura alimentación e saúde para escolares na Semana da Ciencia

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Noemí Rey DUVI 05/11/2010

Cata de aromas, olores e sabores cos que degustar os alimentos máis saudables ou como envasar en atmósferas modificadas e rematar cos microorganismos cando se fai marmelada. Estes son só algúns dos obradoiros dos que poderán gozar os rapaces que participen en Comerciencia, un proxecto co que a Universidade de Vigo participa na Semana da Ciencia entre o 15 e o 19 de novembro e na que o CITI comparte protagonismo co Centro Tecnolóxico da Carne. Unha fusión de disciplinas para “difundir cara a sociedade o coñecemento, algo moi importante cando falamos de escolares, de rapaces que están a despertar no mundo científico”, explica María Victoria Jato, vicerreitora de Transferencia do campus de Ourense.

O obxectivo é achegar a nenos de 1º da ESO de colexios de Ourense aos avances tecnolóxicos desenvolvidos nos últimos anos en materia de elaboración e conservación dos alimentos e darlles a coñecer prácticas de produción respectuosas co medio ambiente propias da agricultura ecolóxica. Durante catro horas os rapaces terán aceso a todo tipo de coñecemento “para incidir en que a educación en temas de alimentación é saúde”.

Cun suculento programa

Como entrante terán unha suculenta benvida coa proxección do diaporama Consumir con ciencia, comer con conciencia – Comerciencia, no que se lles explicará as unidades didácticas elaboradas para toda a xornada. O primeiro plato serán unhas exquisitas unidades didácticas aderezadas con xogos interactivos para coñecer as atmósferas modificadas, os envases activos, os alimentos funcionais e bio ou os productos de cuarta e quinta gama.

Se aínda non están cheos, como segundo prato haberá grellada de actividades prácticas experimentais na pranta piloto do CITI con obradoiros de elaboración de conservas de marmelada, de fraccionamento dos compoñentes do leite e a potabilización da auga salobre. Xa no Centro Tecnolóxico da Carne, os traballos xirarán arredor dos aromas, texturas e sabores e haberá unha cata sensorial de produtos tradicionais e ecolóxicos. O pan, a bebida e o postre van incluidos no prezo.