DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Do 13 ao 15 de xaneiro

O comercio xusto chega ao campus coa campaña "Bo café"

Unha iniciativa da Oficina de Voluntariado e a ONG Amarante

Etiquetas
  • Ourense
  • Estudantes
Noelia V. Vilanova DUVI 13/01/2009
Tras o petróleo, o café é a materia prima que move máis volume de negocio no mundo. Este mercado está controlado pola grandes empresas multinacionais que se quedan con máis do 60% dos beneficios xerados por este negocio; mentres, os pequenos produtores de café e comunidades campesiñas a quen estas empresas mercan a materia prima, viven na pobreza. Ante esta realidade, a ONG Amarante en colaboración coa Oficina de Voluntariado da Universidade de Vigo decidiu levar ao campus o programa Bo café para “denunciar a situación e sensibilizar e promover o consumo de café de comercio xusto entre a comunidade educativa”, explicou Víctor Barro, coordinador de Amarante en Ourense.
Estimase que en conxunto “as universidades galegas contan con preto de 550 puntos de venda de café, o que supón centos de quilos desta materia ao mes”, explicou Barro. Por este motivo a comunidade educativa debe darlle exemplo a cidadanía e comprometerse nas concesións de explotación das cafeterías, restaurantes e máquinas expendedoras coa práctica do comercio xusto.

A iniciativa

Para dar a coñecer a iniciativa e os seus obxectivos, Amarante e a Oficina de Voluntariado, desenvolverán entre os días 13 e 15 de xaneiro varias actividades no campus ourensán. Por unha banda, instalarán mesas de información a través das cales darán a coñecer a páxina web da campaña Pide café xusto e tratarán de sensibilizar aos estudantes, docentes e responsables de compras coa causa. Os postos informativos pasarán polos tres edificios principais do campus, este martes 13 de 15.30 a 18.00 horas situaranse no Edificio Politécnico, o mércores estarán dende as 11.30 ata as 14.00 horas no Edificio de Ferro e, para rematar, o xoves 15 de 15.30 a 18.00 horas os puntos de información estableceranse no Edificio Xurídico-Empresarial.
Ademais destas actividades, tamén está programada a proxección do filme documental sobre comercio xusto titulado Ouro negro que terá lugar no Edificio Politécnico ás 19.30 horas. Ao rematar o visionado abrirase un debate.

Logros da campaña

O programa Bo café non é algo novo, xa leva funcionando en Galicia dende o ano 2005. Ao longo deste tempo Amarante traballou na comercialización do café alternativo en bares, cafetarías, empresas, administracións e máquinas expendedoras de bebidas quentes. Grazas ao seu esforzo, a día de hoxe existen na nosa comunidade máis de 150 puntos de venda de café xusto espallados por toda a xeografía. Respecto da Administración Pública, hai que dicir que “tanto a Deputación de Coruña, a Deputación de Pontevedra, os edificios administrativos de Presidencia da Xunta da Galicia e o Complexo Hospitalario Universitario de Vigo”, indicou Barro, xa teñen nas súas instalacións café de comercio xusto.