DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O campus de Ourense colabora este Nadal co Banco de Alimentos e coa Cruz Vermella

Comeza a campaña de recollida de comida, xoguetes e libros para os máis necesitados

As doazóns xa se poden depositar en carros habilitados na entrada de cada edificio universitario

Etiquetas
  • Ourense
  • Institucional
Rosa Tedín DUVI 15/11/2012
O Nadal está próximo e é o momento de botar unha man para que as persoas que están vivindo situación difíciles debido á crise económica poidan gozar dunhas festas tan especiais nas mellores condicións posibles. Como facelo?. No campus de Ourense veñen de colocarse na entrada de cada edificio dous carros para que os membros da comunidade universitaria que o desexen poidan depositar neles alimentos non perecedoiros, xoguetes e libros. O material recadado será entregado á Cruz Vermella e ao Banco de Alimentos de Ourense para o seu reparto.

A iniciativa solidaria foi presentada este xoves por María Lameiras, vicerreitora do campus de Ourense; por Rosa Guerra, responsable da Oficina de Voluntariado do campus, e por Bienvenido Conde e Cecilio Mourille, do Banco de Alimentos de Ourense. “Esta campaña de recollida de alimentos, xoguetes e libros enmárcase dentro da responsabilidade social que como institución pública temos. Non se pode permitir que ningún neno ou nena quede sen agasallo no Nadal ou que nos fogares falte un recurso tan primario e fundamental que é a comida”, destacou María Lameiras.

Segundo explicou Rosa Guerra, a campaña desenvolverase do 15 de novembro ao 15 de decembro. Na entrada dos edificios de Ferro, do Politécnico, do Xuridico-Empresarial, do Administrativo, da Biblioteca e do Pavillón de Deportes xa están situados dous carros. Nun deles pódese depositar alimentos non perecedoiros, que serán recollidos polo Banco de Alimentos para a súa distribución na provincia. No outro carro poden depositarse xoguetes e libros, novos ou usados pero en bo estado, que serán doados á Cruz Vermella.

Incremento da xente que precisa axuda

O ano pasado, o campus de Ourense xa participou na Operación Quilo do Banco de Alimentos, recollendo no Nadal arredor de 1200 quilos de produtos. “Agora hai moita máis necesidade que o ano pasado e polo tanto necesitamos moita máis axuda”, advertiu Bienvenido Conde. O representante do Banco de Alimentos de Ourense apuntou que este ano incrementáronse de 49 a 59 as entidades ás que subministran alimentos e de 6717 a 10.033 as persoas atendidas a través desas entidades. Para dar conta da delicada situación, Conde salientou que por primeira vez os alimentos que se recollan non só se destinarán a Cáritas e outras asociacións benéficas, senón que tamén a diferentes Servizos Sociais de concellos ourensáns que “están desbordados pola demanda de axuda e que non teñen recursos para atendela”.

O Banco de Alimentos precisa todo tipo de produtos non perecedoiros excepto alcol pero “o que máis escasea e o que máis necesitamos é aceite, legumes, leite e azucre”, comentan os seus portavoces. “Para nós é unha satisfacción que a Universidade colabore nesta Operación Quilo e agardamos que este Nadal cando menos se repita o éxito do ano pasado e que esta colaboración sexa a semente doutras que poidamos levar a cabo”, destacou Cecilio Mourille.

Ademais de coa doazón de material, Rosa Guerra salientou que a Oficina de Voluntariado tamén precisa persoas que lles axuden a revisar o estado dos xoguetes e libros recollidos e a clasificalos para entregalos á Cruz Vermella xa listos para a súa entrega aos nenos e nenas beneficiarios.