DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Cunha serie de actividades académicas, culturais e deportivas ata o venres 1 de decembro

Comeza a celebración de Santa Bárbara 2023, patroa da EE de Minas e Enerxía

Cunha mesa redonda hoxe mércores sobre comunidades enerxéticas

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Asociacións de Estudantes
  • Congresos e xornadas
  • Deportes
  • Premios
  • Cultura
DUVI 22/11/2023

Dende hoxe mércores e ata o venres 1 de decembro, a Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía da UVigo mérgullase na súa semana grande, a da celebración da súa patroa, Santa Bárbara. Para conmemorar esta data, tanto o centro como a Delegación do Alumnado deseñaron unha ampla programación de actividades académicas, lúdicas, deportivas e festivas que arrancou este luns cunha mesa redonda sobre comunidades enerxéticas en colaboración con Ingenieros sin fronteras e da man de Bruno Dutto, técnico da comunidade enerxética de Tameiga e titulado na EEME e de Raquel Fernández, técnica da área de Xustiza Climática de Amigas da Terra Galicia.

O programa continuará este venres, cando se celebre a partir das 16.00 horas o torneo de fútbol no pavillón polideportivo. A vindeira semana arrancará cunha chala sobre a incorporación ao mundo laboral que impartirá Alejandro López Pereira, egresado da escola e actualmente traballador de Kaizen a partir das 14.00 horas. Xa pola tarde, ás 16.00 horas, celebrarase o torneo de baloncesto no pavillón. A programación continuará o martes ás 12.00 horas co torneo de xadrez no segundo andar da escola e, xa pola tarde, de ser necesario, celebrarase a final do torneo de fútbol. 

A principal cita de Santa Bárbara será o mércores, cando terá lugar a entrega de premios de varios dos concursos organizados polo centro así como os galardóns aos mellores expedientes. En concreto, a partir das 13.00 horas farase a entrega de premios do concurso de relatos curtos Contos-EME 2023 e do concurso Enfoca.RME 2023. Ademais, Iago Pozo, coordinador do grupo XEODA presentará o museo virtual e o catálogo da colección de minerais D. Manual de Sas de la Encina. Posteriormente entregaranse tamén os Premios Coimne (Colexio de Enxeñeiros de Minas do Noroeste) aos mellores expedientes de acceso ao Máster Universitario en Enxeñaría de Minas desde os graos da EME e os Premios Coitmga (Colexio de Enxeñeiros Técnicos e Graos en Minas e Enerxía de Galicia) aos mellores expedientes de acceso ao Grao en Enxeñaría dos Recursos Mineiros e Enerxéticos. Ademais deste acto, ao longo da mañá a Delegación de Alumnado organiza unha venda de chocolate con churros na entrada da escola e unha chalar que a partir das 12.00 horas impartirá o Colexio Oficial de Enxeñeiros de Minas do Noroeste de España. Pola tarde, de 16.00 a 19.00 horas, o pavillón acollerá torneo de tenis de mesa.

Ao día seguinte será a festa organizada polo alumnado, de 12.00 a 18.00 horas, no aparcadoiro do edificio de Fundición, onde haberá diferentes sorteos, comida, refrescos e música que animará o evento. A programación pecharase o venres 1 de decembro torneo de fútbol de estudantado contra profesorado ás 10.00 horas e coa tradicional carreira solidaria de Santa Bárbara, ás 12.00 horas nas pitas deportivas do campus. Para inscribirse é preciso achegar 1kg de comida non perecedoira. Tras a carreira, haberá pinchos, música e sorteos.