DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Mañá péchase o prazo de matrícula para as Escolas Deportivas e o día 30 para as Ligas Universitaria

Comeza un curso do máis deportivo

A comunidade universitaria pode tamén solicitar as tarxetas deportivas

Etiquetas
  • Vigo
  • Deportes
M. Del Río DUVI 24/09/2012
Non hai escusa para non practicar algún tipo de actividade física. Múltiples modalidades, diversas localizacións, flexibilidade de horarios e facilidades de pago. O Servizo de Deportes, a través de diversos programas e iniciativas, trata de poñer ao alcance de toda a comunidade universitaria a práctica deportiva apostando por unha vida activa e saudable. Co comezo do curso académico ábrense xa os prazos de matrícula para todas estas actividades do campus de Vigo, comezando pola Escolas Deportivas, na que os interesados poden inscribirse ata mañá martes 25 de setembro.

Nas instalacións do Servizo de Deportes desenvolveranse as clases de ioga, meditación, tenis (iniciación e perfeccionamento), xadrez (iniciación e perfeccionamento), atletismo e orientación e manexo do GPS. Na mesma localización terá lugar tamén Ponte en Forma, o programa de exercicio físico e seguimento personalizados con dúas revisións médico-deportivas gratuítas. Xa nas instalacións do Complexo Deportivo Universitario do campus de Vigo ofértanse clases de aquagym, natación e squash.

As actividades botarán a andar o 1 de outubro e prolongaranse ata o 22 de decembro, para retomarse do 7 de xaneiro ao 9 de febreiro. Abrirase posteriormente un período de matrícula ou de renovación para o segundo cuadrimestre. Os prezos e os horarios, así como a posibilidade de obter créditos de ECTS depende da actividade elixida, estando toda o oferta de escolas deportivas dispoñible na web do Servizo de Deportes.

Ligas universitarias

Por outra banda, co curso arrinca tamén as competicións deportivas universitarias con ligas nas modalidades de baloncesto mixto, balonmán mixto, fútbol sala masculino e feminino, fútbol 7 mixto, rugby 7 mixto e voleibol mixto. A lista de equipos inscritos, que terán que estar formados exclusivamente por membros da comunidade universitaria, darase a coñecer o 1 de outubro e as competición botarán a andar a partir do día 15. O período de matricula estará a aberto ata o 30 deste mes.

Para aqueles xogadores que non teñan equipo e queiran participar nas ligas universitarias, o Servizo de Deportes conta cunha bolsa de deporte na que os deportistas se poden anotar para que os equipos se poñan en contacto con eles.

Centros Deportivos Abertos

Grazas aos acordos alcanzados entre a Universidades e diversos ximnasios da cidade de Vigo, a comunidade universitaria pode beneficiarse de condicións vantaxosas no uso destas céntricas instalacións deportivas. Para inscribirse nestas actividades o período permanece aberto ata mañá martes 25 de setembro e inclúe os clubs Aqua Sport, CD Coliseum, CD Lanzalía, Progress Gym, Ximnasio C. Simón, Ximnasio El Castro, Ximnasio Escola Vigo, Ximnasio Kiap e Ximnasio Tao. Cada unha destas instalacións oferta diversas actividades acordes co seu programa, que van dende a natación, fitness, pilates ,boxeo, ioga, aeróbic, capoeira, danza oriental e diversas artes marciais.

Tarxetas Deportivas

O Servizo de Deportes, para facilitar e promover a actividade física entre os membros da comunidade universitaria dispón tamén de varias tarxetas coas que obter beneficios e descontos nos diversos programas.

Por unha banda, a Tarxeta Deportiva Ponte en Forma para este programa de actividade física personalizada en función do estado físico e dos obxectivos de cada persoa. Por outra banda, a Tarxeta Deportiva Universitaria Básica, que proporciona acceso libre e individual ás instalacións do Servizo de Deportes. Finalmente, as Tarxetas Deportivas Combinadas, que permite combinar e alternar o uso das instalacións do Servizo de Deportes coas do CDU Aqua Vigo e co Centro Galego de Tecnificación Deportiva de Pontevedra. Estas tarxetas está pensadas para aquelas persoas que prefiren realizar os adestramento pola súa conta e combinar o uso das salas de cardio-fitness coa natación ou a práctica de actividades dirixidas.