DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Presentounas a vicerreitora de Titulacións e Converxencia Europea

Comeza a presentación ao profesorado das novas aplicacións informáticas de xestión

Xescampus incorporarase gradualmente aos centros

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Académica
Camino Carballeira DUVI 27/03/2009

A burocracia non é allea ás novas tecnoloxías e, de feito, pode beneficiarse delas para ser máis áxil e operativa. Con este obxectivo, a vicerreitora de Titulacións e Converxencia Europea, Carmen García Mateo, e as vicexerentes de Tecnoloxía da Información e da Comunicación e do campus de Pontevedra, Yolanda García e Ángeles Hermida, presentaron a secretaría virtual da nova aplicación informática de xestión, Xescampus, que gradualmente irá substituíndo ao sistema Xesta. A presentación tivo lugar ante o profesorado do grao en Belas Artes, centro piloto na súa implantación, en espera de que o vindeiro curso se estenda a máis centros e aos mestrados.
Segundo explicou a vicerreitora, “trátase dun tema técnico, pero cun calado maior: o de modernizar a xestión académica para que sexa máis áxil e transparente, porque os procedementos administrativos son importantes”. En setembro, todas as bases de datos do antigo sistema migrarán a este modelo que conta coa vantaxe de que é o mesmo que se emprega nas outras dúas universidades galegas “e facilitará o intercambio de información”, apuntou García Mateo. A partir da segunda quincena de abril, o profesorado comezará a recibir as claves de usuario e contrasinal que identificarán a súa conta.

Punto único de acceso

A nova secretaría virtual permitirá que oa profesorado dispor de todos os documentos necesarios para desenvolver a súa actividade a través dun punto único de acceso. Ademais da xestión electrónica de listas de alumnado ou xeración de actas, a nova plataforma permitirá axilizar a comunicación das cualificacións, xa que ofrece a posibilidade de enviar, a aqueles estudantes que así o autoricen previamente, as notas e a data de revisión de exames inmediatamente despois de que valorar o exame.
Outra das novidades que incorpora é a posibilidade de asinar os documentos electronicamente para o que se habilitará un rexistro no centro para aqueles profesores que non posúan esta ferramenta. A aplicación tamén permite crear históricos de cualificacións, estudantes e outro tipo de estatísticas para que o profesorado coñeza a súa evolución ao longo dos anos.