DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Sinalou en CCSS e da Comunicación o conselleiro delegado de Telecinco Cinema, Ghislain Barrois

“Comezamos a pensar en como promocionar unha película cando aínda non temos nin o guión”

O produtor de 'Ocho apellidos vascos' avoga por adecuar o custe do filme ao seu público potencial

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Académica
Eduardo Muñiz DUVI 03/10/2014

“No cine, o tamaño non importa, podes ter unha película moi relevante, que custara moito, e ver como non cala na sociedade. Ou todo o contrario”. Quen sostén isto non é outro que Ghislain Barrois, director de Aquisición e Dereitos de Mediaset España e conselleiro delegado de Telecinco Cinema, a produtora responsable de nove das vinte películas máis vistas na historia de España. Exemplos como Ocho apellidos vascos, o filme español con maior recadación na historia, sustentan precisamente a postura deste produtor, que recoñece que a promoción, “como vas vender a película”, é a primeira pregunta que se formulan, “cando aínda nin sequera temos o guión”.

No marco do curso de formación que Mediaset España imparte na Facultade de Ciencias Socais e da Comunicación, froito do convenio subscrito por este grupo audiovisual e o Consello Social da Universidade, Barrois achegou nesta xornada ao alumnado do centro ao mundo da produción de cine, no que este grupo leva traballando desde 1999, ano no que crearon os Estudios Picasso, que en 2007 pasan a denominarse Telecinco Cinema. Ao longo dos últimos 15 anos, Mediaset traballou na produción de máis de 70 longametraxes, entre as que figuran éxitos como Lo Imposible, El Orfanato, Ágora ou El Niño, grazas aos que lograron máis de 220 galardóns. Entre eles, 55 premios Goya e tres Oscar. “Intentamos sempre que as nosas películas sexan o máis coherentes posibles, non é cuestión nin de tamaño nin de xénero, senón de que a relación entre o que custaron, o que contan e o seu público potencial sexa a adecuada”, sinalou este produtor, que defendeu tamén a importancia de non facer “películas inútiles”. Neste senso, incidiu en como as producións de Mediaset buscan sempre ese valor de utilidade, “ben sexa cunha comedia sen pretensións, que faga rir a xente nestes momentos de crise, como Ocho apellidos vascos, ou cunha película trepidante como El Niño, que ao mesmo tempo permíteche coñecer que é o que pasa no estreito de Xibraltar hoxe en día”.

A promoción, antes e despois

Outra das claves ás que Barrois atribúe os éxitos colleitados por Telecinco Cinema é a importancia que outorgan á promoción dos seus proxectos. “É un labor absolutamente fundamental, co que comezamos cando non temos máis que o xerme dunha idea”, salienta Barrois, que incide así mesmo no valor que ten para esta produtora poder contar con seis canles de televisión, “dispostas a ser utilizadas para promocionar as nosas películas”. A este respecto, o conselleiro delegado lembrou “a época na que os produtores tiñan a sensación de que a súa misión acababa unha vez rematada a película. Nós pensamos que é totalmente ao contrario, que a partir de aí queda aínda todo o traballo por facer”. E neste senso, Barrois explicou ao alumnado que non se trata sempre de realizar unha campaña de grandes dimensións, senón de facer que esta sexa a adecuada para cada filme. “A nosa maquinaria funciona ben cando as convertemos nun evento, e isto non cho dá o tamaño da película”, engadiu.

A obriga de investir en cine

A pesares dos seus éxitos, no balance histórico do investimento de Mediaset España en cinema, a cantidade de diñeiro destinada á produción de filmes é superior aos beneficios obtidos coas súas películas, como recoñeceu Barrois nesta conferencia. “A pesares dos nosos esforzos, que son moitos, e dos éxitos que colleitamos, segue a ser unha actividade deficitaria para nós”, apuntou este directivo, que ao mesmo tempo amosou a súa esperanza de que, “si seguimos nesta liña”, poida corrixirse no futuro este balance negativo. Do mesmo modo, Barrois tamén amosou o seu desexo de que “algún día desapareza unha obriga que é bastante inxusta”, a que teñen as cadeas de televisión de investir o 5% dos seus ingresos na industria cinematográfica. Unha obriga que situou como unha das causas dese balance negativo e que provoca, ao seu xuízo, unha “sensación bastante vertixinosa, xa que non podes botar o freo en ningún momento”, a pesares de que a filosofía do grupo é “ser moi vixiantes e producir só as películas que nos pareza que ten sentido facer”.

Primeiro programar, despois mercar

Ademais de abordar a traxectoria de Mediaset no campo da produción de cinema, Barrois tamén afondou nesta conferencia no labor que realiza o equipo de adquisición de producións alleas do grupo, un traballo que levan a cabo partindo da premisa “primeiro programar, despois mercar”. Segundo relatou, unha das características do proceso de compra de películas e outra serie de producións audiovisuais aos grandes estudos é que estes “sempre van intentar obrigarche a mercar máis do que precisas, e o teu talento como comprador será tentar evitalo”. Este sistema de venda de produtos audiovisuais por lotes ten provocado que en moitas ocasións as cadeas de televisión acaben comprando unha serie de contidos “aos que logo non dan uso e que, ao final, cando fas as contas, son letais”, sinalou.

“Houbo unha época, non tan distante, na que por cada euro que gastabas nun produto que querías, gastabas outro euro nun que non che servía”, sostén Barrois, para quen é fundamental “mirar con moita atención e elixir só aquilo que che pode valer”, algo que “pode soar evidente, pero que non sempre é así”. Con ese obxectivo, Mediaset estableceu un “protocolo de adquisicións moi ríxido, polo que non se merca nada que non teña antes un sitio adecuado” na programación dos seus canais, “ e falo tanto dunha película como dun programa que non custe máis de 500 euros”.