DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Elisa Sánchez e Daniela Alves continúan os seus estudos de Dirección e Xestión Pública en Sao Paulo

Comezar o curso co pasaporte ao Brasil

Un convenio de dobre titulación permitirá que se convertan en graduadas polas dúas universidades

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Estudantes
Eduardo Muñiz DUVI 18/09/2014

Segundo avanza setembro, os abrigos e os paraugas comezan a converterse en equipaxe obrigatoria para o alumnado do campus de Pontevedra. Agás para Elisa Sánchez e Daniela Alves, dúas estudantes do grao en Dirección e Xestión Pública, que hai un días collían a maleta e o pasaporte para viaxar ao Brasil e converterse nas primeiras estudantes da Universidade de Vigo en aproveitar as posibilidades que lles brinda o convenio de dobre titulación asinado coa Universidade de Sao Paulo (USP). Ao longo do presente curso, estas dúas alumnas ampliarán a súa formación do outro lado do Atlántico, o que fará posible que, ao remate dos seus estudos, se convertan en tituladas polas dúas universidades.

Completar como mínimo un curso académico na universidade de destino é o requisito que o alumnado de Dirección e Xestión Pública e os estudantes de Xestión de Políticas Públicas da USP deben cumprir para obter esta dobre titulación, algo que xa lograron tres estudantes brasileiros, que o pasado mes de xuño se convertían nos primeiros graduados por Vigo e Sao Paulo. Outros seis alumnos e alumnas da Universidade de Sao Paulo chegaron no presente curso á Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación, que recibe por terceiro ano consecutivo a estudantes do outro lado do Atlántico. Mais, ata o de agora, ninguén se animara a facer o traxecto inverso e cambiar por un ano A Xunqueira pola Escola de Artes, Ciencias e Humanidades do Campus Leste da USP. Ata que, a principios da presente semana, Sánchez e Alves acudiron por primeira vez ás aulas da Universidade de Sao Paulo. “A verdade é que as clases son moi diferentes aquí, a xente é moi participativa, todos os alumnos falan, colaboran e discuten os textos que hai que ler”, destaca Daniela Alves.

O valor engadido ao currículo, primeira motivación

A viaxe que Sánchez e Alves veñen de realizar, comezou a prepararse meses atrás na facultade, cando estas alumnas coñeceron a posibilidade que lles abría o convenio de dobre titulación. “A verdade é que nunca me chamou atención o programa Erasmus, pero neste caso estamos a falar de engadir unha segunda titulación ao currículo, o que ademais permite que, nun futuro, poidas ir traballar a outros países”, salienta Elisa Sánchez, que recoñece que axiña espertou en ela o interese por marchar ao Brasil. “Era unha oportunidade moi boa, pensando ademais que se trata dunha potencia emerxente e dunha universidade moi valorada, a máis importante de América Latina”, destaca esta alumna.

Ese interese por marchar espertou ao mesmo tempo en Daniela Alves, que recoñece tamén que foi “principalmente a posibilidade de obter un dobre título o me que chamou a atención”, ao que se suma tamén o seu interese por aprender portugués. De feito, que o alumnado do campus pontevedrés poida “desenvolver competencias lingüísticas” no Brasil é un dos aspectos destacados por Enrique Varela, coordinador do grao en Dirección e Xestión Pública, como un dos grandes atractivos deste convenio, xunto coa opción que supón á hora de “adquirir habilidades sociais multiculturais e formación sobre as administracións públicas dun dos países do mundo que máis está crecendo”. De aí que Brasil poida converterse nunha opción laboral de futuro para o alumnado de Dirección e Xestión Pública, dado que neste país “é alto o interese xerado por estes estudos”, sinala Varela.

Ademais, “Brasil sempre é Brasil”

Máis aló de ver Brasil como “unha opción de futuro se as cousas en España seguen igual de mal dentro duns anos”, como recoñece Sánchez, os estudos e o traballo non foron as únicas motivacións que levaron a estas dúas alumnas a coller as maletas. Non en van, “Brasil sempre é Brasil”, como salienta Alves, que tiña o aliciente engadido de contar con familia do outro lado do Atlántico. De pai venezolano e descendente de galegos e portugueses, esta estudante recoñece que se trataba dun país que sempre lle chamou a atención e desde o que pretende “aproveitar para viaxar e intentar ver á familia”. E tamén para gozar do carnaval, unha celebración que estas dúas alumnas agardan con interese. “Esperamos aprobar todas, pero tamén queremos vivir o carnaval, viaxar e coñecer a súa cultura”, apunta Sánchez.

Polo de agora, ambas atópanse xa asentadas na vivenda que comparten no barrio de Tatapué e puideron vivir as súas primeiras experiencias nunha “cidade enorme”, na que “o ritmo de vida é totalmente distinto”, como explica Alves. “Aquí todo é moi acelerado, todo o mundo ten présa”, apunta esta estudante, que recoñece que a viaxe Pontevedra-Sao Paulo supón “un cambio radical en todos os sentidos”, aínda que tamén deixa claro que se están a atopar con “xente moi acolledora, simpática e amigable”, que está contribuír moito a súa integración. “Nun par de semanas seremos auténticas paulistas”, engade con humor.