DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O primeiro equipo de xadrez vén de gañar o Circuíto Galicia Central de Partidas Semirrápidas

Para comezar o curso, xaque mate

Buscan novos xogadores para pór en marcha outro grupo

Etiquetas
  • Ourense
  • Deportes
Rosa Tedín DUVI 18/09/2013

Remataron o curso 2012/2013 obtendo o primeiro posto do seu grupo na Primeira División da Liga Galega de Xadrez e comezan o 2013/2014 proclamándose gañadores, tanto por equipos como individualmente, do Circuíto Galicia Central de Partidas Semirrápidas. O Club Universitario de Ourense de Xadrez move ficha para continuar consolidando os seus bos resultados e inicia a súa preparación para a nova tempada intentado atraer a novos xogadores e xogadoras entre os membros da comunidade universitaria.

“Comezamos o curso con bo pé. O día 7 de setembro o Universitario de Ourense A proclamouse no Deza campión en categoría absoluta da sexta edición do Circuíto Galicia Central de Partidas Semirrápidas, iniciado o día 1 de xuño e que estivo composto por oito torneos celebrados en Lalín, Teo, Carballedo, Pereiro de Aguiar, Silleda e Chantada”, explica Lino Hermida, capitán e monitor do equipo. Ademais, apunta, este éxito colectivo repetiuse a nivel individual, conquistando o ouro Javier Varasa e a prata José Doval e acadando en total 12 das 24 medallas individuais absolutas que se entregaron nos torneos celebrados. “Estes bos resultados permítennos dar continuidade á boa traxectoria que seguimos nos últimos anos”, subliña Hermida.

A polo terceiro equipo

Preparándose xa para a nova liga que comezará en xaneiro, o club conta con volver a ter un equipo na Primeira División da Liga Galega de Xadrez e outro na Segunda División, formado cada un deles cando menos polos mesmos xogadores do ano pasado. O Universitario de Ourense A repetirá con Lino Hermida, Antonio Fernández, José Doval, Ignacio Salazar, Javier Varasa, Óscar Tomé, Álvaro Suárez e Diego Losada. Pola súa banda, o Universitario de Ourense B contará de novo con Amador Figueiral, José Manuel Nóvoa, Graciela Gómez, Olalla Rodicio, Ramón Cid, Favio Fuentes, David Feijóo, Jesús García, Elías Rodríguez, Miguel Perancho e Nelson Pérez. “Gustaríanos pór en marcha outro equipo máis para competir na Terceira División pero para iso precisamos máis xente”, comenta Lino Hermida.

Agora que comeza o curso académico e que o alumnado planifica as súas actividades, os responsables do club animan aos membros da comunidade universitaria a achegarse a coñecer o equipo nos seus adestramentos, que teñen lugar todos os martes, de 19.00 a 21.00 h, no Pavillón das Asociacións. Entre os alicientes para unirse ao grupo, destacan, está o bo ambiente que teñen, os beneficios que para a mente ten a práctica do xadrez, a oportunidade que supón formarse neste deporte e a satisfacción que reporta a participación en competicións galegas. “É importante destacar dúas cousas. En primeiro lugar, que non é necesario ter formación previa, diso nos encargamos nós, e en segundo lugar, que cada xogador participa na liga na medida en que pode segundo a súa axenda”, destaca Lino Hermida.