DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O estudo, realizado por José Ramón Rodríguez, recóllese na obra ‘La Iglesia Católica en Galicia (191

A comezos do século XX o clero galego encomendouse á propaganda para frear o avance do laicismo

A investigación no Arquivo Secreto do Vaticano aproxímanos á situación da relixión no período prebél

Etiquetas
  • Vigo
  • Investigación
Jessica Fdez. DUVI 11/07/2012

As primeiras décadas do século XX resultaron moi complexas para a Igrexa católica. Mentres en España se afianzaba o catolicismo, Portugal fixo tremer ás dioceses galegas implantando unha república laica como sistema de goberno. A pesar de que este tema “permanecía na sombra historiográfica”, a información contida nos fondos documentais do Arquivo Secreto do Vaticano permitiu a José Ramón Rodríguez Lago, docente na Universidade de Vigo, realizar unha innovadora investigación que publica na súa obra La Iglesia Católica en Galicia (1910-1936). Entre la revolución de Portugal y la cruzada de España.

A pesar de que as diferenzas entre Portugal e o conxunto de España eran mínimas, o país luso cambiou o rumbo da súa historia no ano 1910 cando, como relata Rodríguez Lago, “as elites burguesas de Lisboa e Porto lideraron unha revolución política que, tras derrocar á monarquía, instaurou un réxime republicano de claro corte anticlerical”. A partir dese momento o clero galego centrouse en afianzar a tradición católica “nunha sociedade marcada polo ruralismo e por un clero dominante nas parroquias”, co fin de evitar que calaran as ideas construídas sobre a base do liberalismo e poñer o freo a unha posible expansión das revoltas ocorridas no país veciño.

Estratexias modernizadoras para frear o avance das novas ideas

Ante o medo de perder a súa situación privilexiada, a Igrexa galega botou man de estratexias innovadoras que lles garantiran a presenza social nun momento no que o laicismo cobraba relevancia. Para iso, e a pesar das reformas modernistas promovidas dende o Vaticano, “o clero constituíu un fronte de propaganda poñendo en marcha diarios, revistas, empresas editoriais e emisoras de radio baixo o seu control que, xunto co peso da tradición parroquial e a restauración da tradición xacobea entre outras, se converteron en símbolo para acadar grande influencia na sociedade e evitar os temidos cambios”, aclara Rodríguez Lago. Finalmente, o estalido da Guerra Civil e a aposta da Igrexa pola identificación co exército sublevado e a construción dun Estado autoritario e confesional “sepultou todas as vías modernizadoras que xurdiron nesta época”, explica.

Malia que pasou máis dun século dende estes sucesos, hai situacións que non cambiaron e a Igrexa “segue amosando unha maior preocupación por coidar as súas relacións cos gobernantes e oligarquías que pola relación cos seus fieis e coa sociedade, seguindo unha estratexia que pon a súa confianza na relación cos poderosos, fomentando un catolicismo pouco crítico e moi submiso cos grupos de poder” puntualiza o investigador.

As investigacións que recolle o libro de Rodríguez Lago intégranse dentro dos resultados dos proxectos de investigación A cooperación formal e informal na Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal (1930-2010): fundamentos, estructuras e perspectivas de futuro, coordinado pola Universidade e financiado pola Consellería de Economía e Industria da Xunta de Galicia e La nacionalización española en Galicia, 1874-1936, financiado polo Ministerio de Ciencia e Innovación do Goberno de España. Ademáis, “esta investigación tamén é froito da transferencia de coñecemento na investigación das relacións históricas entre as ideas relixiosas, as institucións eclesiásticas e os procesos de secularización no século XX, levadas cabo en universidades tanto de España coma de Portugal e Italia”, conclúe Rodríguez Lago.