DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Elaborará un borrador de cara á próxima reunión, á que acudirá o novo reitor Salustiano Mato

A Comisión Concello-Universidade prevé asinar o convenio de cesión de uso do edificio da ONCE nun mes

No caso dos terreos de Tafisa, a posta a disposición da Universidade realizarase tras o verán

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Institucional
Esmeralda L. Castro DUVI 28/05/2010

A reunión da comisión Concello-Universidade mantida hoxe rematou co compromiso de redactar un borrador para o convenio de cesión de uso do edificio da ONCE que acollerá a residencia do campus de cara a vindeira xuntanza. Prevista para o día 24 de xuño, acudirá tamén o novo reitor, Salustiano Mato, coa intención de axilizar os proxectos urbanísticos do campus. Así o anunciaron o vicerreitor saínte, Jesús Hernández, e a concelleira de urbanismo, Teresa Casal.
Segundo informou Casal, o pasado 6 de maio acordáronse cos representantes da ONCE os termos da permuta do colexio pola parcela da unidade 18, polo que se espera asinar a finais de xuño a súa escritura pública, último paso para facer viable o convenio coa Universidade. Nos cálculos do vicerreitor, tendo en conta a materialización dese convenio e a convocatoria do concurso público para a remodelación do edificio, non sería posible comezar as obras ata o mes de novembro. “O edificio require unha grande intervención, polo que é prematuro dicir que a residencia estará lista para febreiro do vindeiro curso”, comentou. “Abrila para o curso 2011-12 xa será un gran logro”, engadiu.

Aprobación provisional da modificación de Tafisa

Con relación á modificación dos terreos de Tafisa para os que se proxectou o Edificio das Artes, a concelleira anunciou que se levará a súa aprobación provisional ao pleno de xuño, posto que rematou o período de alegacións sen ningunha incidencia. A aprobación definitiva compételle á Xunta de Galicia, que ten un prazo de tres meses para ditar resolución, polo que se calcula que á volta do verán se poderá poñer a disposición da Universidade a parcela. Neste caso Hernández sinalou a posibilidade de encargarlle este ano o proxecto básico de execución ao arquitecto que gañou o concurso, para o que lembrou que a vicerreitoría sempre reservou unha partida orzamentaria de 440.000 €. Con relación á execución total, que hai seis anos se cifrou en 25 millóns de euros, sinalou que será preciso actualizar a cantidade. “O novo reitor dixo que esta era a lexislatura das infraestruturas en Pontevedra”, salientou Hernández, polo que espera que en tempos de crise “a Universidade sexa capaz de atopar os recursos para levar a cabo todos os proxecto abertos”. Recordou neste senso que a remodelación do edificio da ONCE require un investimento de 2 millóns de euros, unha cantidade semellante a ampliación de Fisoterapia e 2 ou 3 a última fase de Ciencias da Educación e do Deporte. Así mesmo, os demais centros requiren actuacións para adaptarse ao Plan Boloña e este anos poñerase en marcha a adecuación de viais.
Preguntado polos xornalistas a cerca dos posibles espazos do Hospital Provincial para usos académicos a raíz da reunión mantida o pasado luns, Hernández informou de que se fixo unha valoración das necesidades cifrada en 3.000 metros cadrados para acoller un grao de catro anos e varios posgraos. “Todo aquel espazo que poida ser usado pola universidade é ben recibido”, sinalou ao respecto.

Traballo pola continuidade

“Logo de tantos sinsabores e atascos por fin os soños se fan realidade”, manifestou Jesús Hernández, quen, malia a proximidade do remate do seu mandato, amosou a súa satisfacción “por saber que existe unha continuidade, que vai a favor do que cremos que debe ser o campus de Pontevedra”. Pola súa parte, Teresa Casal felicitou ao equipo do campus de Pontevedra polo resultado das eleccións, destacando que a nova vicerreitora, Antonia Blanco, xa forma parte da comisión como directora da Área de Planificación e Coordinación. “Isto significa que haberá continuidade no traballo e nas relacións entre Concello e Universidade, que todos consideramos frutíferas”, sinalou.