DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A iniciativa recibiu 238.350 euros para a mobilidade entre estudantes europeos e australianos

A Comisión Europea aproba un proxecto de cooperación educativa en mecatrónica no que participa a Universidade

Os representantes das institucións colaboradoras reuniranse en Melbourne a finais de marzo

Etiquetas
  • Vigo
  • Académica
Sara Alcázar DUVI 12/03/2010

A Comisión Europea aprobou oficialmente o proxecto Intercultural Excellence in Mechatronic Engineering Education (IEMEE), coordinado pola Universidade Técnica de Munich (TUM) en colaboración con institucións australianas e europeas, entre as que se atopa a Universidade de Vigo. A aprobación do proxecto sobre cooperación educativa en mecatrónica traducirase nunha subvención de 238.350 euros para financiar o programa de mobilidade internacional entre estudantes e docentes procedentes de Australia e varios países de Europa. Este programa trata de combinar as fortalezas das institucións colaboradoras para formar a un total de 84 titulados en enxeñaría nas universidades de referencia mundial no eido da mecatrónica, un novo campo interdisciplinario no que se inclúen a automoción, a enxeñaría aeroespacial, a automatización industrial, a biomedicina e os sectores de produción de enerxía, entre outros.
O principal obxectivo do IEMEE é que a vindeira xeración de enxeñeiros en mecatrónica se formen de acordo ás mellores prácticas mundiais dado o alcance internacional desta disciplina, polo que é imprescindible que os titulados estean capacitados para traballar en escenarios internacionais e interculturais. Este é caso, segundo Ignacio Armesto, profesor do Departamento de Enxeñería de Sistemas e Automática da Universidade e un dos coordinadores do proxecto, do labor realizado pola TUM e pola Universidade de Melbourne, “dúas institucións con moito prestixio a nivel internacional e líderes no ámbito da mecatrónica”. Fronte a estes exemplos, Armesto incide no déficit da formación nesta materia en España “onde apenas existen mestrados sobre mecatrónica, mentres que en países avanzados é algo totalmente usual, polo que estar participando neste proxecto sitúanos nunha situación preferente de cara a posicionarnos neste segmento multidisciplinar da enxeñaría que está a comezar o seu despegue”. Deste xeito, a aprobación desta proposta é, segundo palabras de Armesto, “un novo paso na conquista de contactos para o intercambio con todos os continentes e que supón para o noso alumnado unha nova oportunidade de selección de destino que nos conecta coas antípodas”.

Procedemento de intercambio

O intercambio de estudantes realizarase durante un periodo de catro meses entre as institucións colaboradoras, que se organizarán por parellas co fin de acadar unha carga formativa uniforme para cada socio e entre ambos continentes. Unha vez seleccionados, os participantes deberán enviar o seu currículo e expediente académico, así como unha carta de motivación para traballar nun dos proxectos ofrecidos e realizar un curso de preparación lingüística. Estes requisitos son esencias para a participación no proxecto, que xa xerou curiosidade entre o estudantado da Universidade, segundo adianta Armesto, pero que “ata despois da reunión en Melbourne e, mellor, cando se celebre a reunión en Vigo, non soará o pistoletazo de saída para o alumnado da Universidade”.
Durante a súa estadía no estranxeiro, o estudantado levará a cabo presentacións mensuais do proxecto seleccionado e traballará estreitamente co persoal investigador e estudantes da universidade de acollida. Ao finalizar o intercambio, os participantes deberán presentar os resultados acadados no proxecto nas dúas institucións. A avaliación do traballo realizarase de acordo ás normas da universidade de orixe, polo que obterán ao redor de 10 créditos ECTS nas institucións europeas ou ben 25 puntos de crédito nas australianas por completar exitosamente o proxecto.

Conferencias impartidas por expertos no campo da Mecatrónica

As institucións asociadas traballarán xuntas para producir un ciclo de conferencias baixo o título Excellent Mechatronic Engineering – Design of Mechatronic Systems co obxectivo de unificar a súa experiencia para ofrecer un programa líder de mecatrónica que poida ensinarse en todas as universidades asociadas. A Universidade Técnica de Munich acollerá o primeiro dos relatorios e lle seguirá a Universidade de Vigo onde se impartirá a segunda das conferencias sobre a enxeñaría de sistemas en mecatrónica. O centro australiano Curtin University of Technology e a Politechnika ?ódzka de Polonia, serán o escenario dos seguintes relatorios.

Primeira reunión en Melbourne para ultimar detalles

Para formalizar o proxecto, os representantes das institucións académicas colaboradoras reuniranse en Melbourne os días 25 e 26 de marzo co fin de asinar un convenio. Neste encontro atoparanse por unha banda as universidades australianas e, por outra, a Universidade Técnica de Munich, a Universidade de Polonia e a Universidade de Vigo, representada por Iván Area, vicerreitor de Relacións Institucionais e Ignacio Armesto.
Ademais de ultimar os derradeiros detalles para o intercambio de estudantes, establecendo as datas e criterios de selección, nas sesións abordarase a mobilidade do persoal e as conferencias que se impartirán ao longo do curso, definindo os seus obxectivos, ademais de establecer o tamaño dos grupos de alumnos e a estrutura do programa formativo.
Trala reunión de Melbourne a Universidade de Vigo será a sede este ano do segundo encontro, no que se poderán avaliar os resultados dos primeiros intercambios entre estudantes e docentes.