DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Ao abeiro do proxecto Proxecto Tempus-MEDA Management de l’Université par la Qualité

A Comisión Europea felicita a Vigo pola implantación de estándares de calidade en universidades marroquís

Permitiu que algunhas delas obtivesen o certificado de calidade ISO

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
M. Del Río DUVI 24/03/2011

O traballo desenvolvido pola Universidade de Vigo para implementar sistemas de xestión da calidade nas universidades de Marrocos vén de ser recoñecido pola Comisión Europea, que valora que os resultados superasen amplamente os obxectivos marcados inicialmente. Dende Europa felicitaron á Universidade viguesa como coordinadora destes proxecto Tempus-MEDA Management de l’Université par la Qualité, cuxo obxectivo era a implantación dun sistema certificado de calidade que avalara o funcionamento administrativo da universidade Cadi Ayyad (UCA), en Marrakech.

Na Universidade estas felicitacións foron acollida con ilusión xa que, como explica o vicerreitor de Relacións Internacional, Manuel Fernández Iglesias, actuacións como esta “demostran que temos persoal preparado na xestión da calidade, capacitado para poder diseminar estes coñecementos por outras institucións”. Ademais destaca que é unha obriga promocionar os procesos de calidade dentro e fóra da nosa Universidade, “difundir e diseminar a cultura e as estratexias da calidade” e estas colaboracións serven tamén para detectar problemas nas estratexias e solventalos.

Dende Oficina de Relacións Internacionais, Anselmo Seoane e Eva Garea explica que a Cadi Ayyad é a universidade máis grande de Marrocos, con tres campus e aproximadamente 50000 estudantes e destacan o traballo realizado tanto dende a ORI como dende a Área de Calidade para sacar adiante un proxecto complexo “pero moi gratificante”.

Tras anos de traballo multilateral

O traballo comezou en 2007 e rematou a finais do 2010, tempo no que se acadaron numerosos éxitos como a obtención da certificación ISO 9001:2008, tras a implantación do sistema na Presidencia da universidade marroquí. O proxecto, cofinanciado con máis de medio millón de euros pola Comisión Europea, supuxo para a institución norteafricana a obtención do certificado que a converte na única universidade no norte de África con esta acreditación, un importante paso adiante en termos de visibilidade tanto a nivel internacional como nacional.

Ao tempo que se implementou este sistema de calidade, ao abeiro do proxecto Management de l’Université par la Qualité, elaboráronse manuais de procesos que puideran ser implantados no resto das universidades do país, tanto a nivel central como nos diferentes campus que a mesma ten noutras cidades. Este proceso requiriu dun traballo estreito co persoal da universidade marroquí, o que supuxo un gran reto para as dúas técnicas da Área de Calidade, Elina Álvarez e Mónica Rodríguez, que foron as que durante este tempo estiveron a cabalo entre Galicia e o Magreb. A preparación dun proxecto desta envergadura, acadar a aprobación da Unión Europea e, por suposto, levalo a cabo e con éxito foi unha experiencia complexa pero moi grata para todos os implicados. Os obxectivo técnicos, explica Álvarez, era complicados na medida das dificultades que supuxo chegar a unha universidade descoñecida, con outra cultura e outras costumes e terse que gañar a confianza dos parceiros. Pero a vertente humana tamén converte a esta nunha experiencia recomendable e inesquecible, na que os lazos humanos e persoais se perpetúan máis aló do proxectos.

Un proxecto en tres fases

O proxecto Management de l’Université par la Qualité, desenvolveuse en tres fases. A primeira delas centrouse na implantación do sistema de calidade na Presidencia da Cadi Ayyad; a segunda consistiu na aplicación do mesmo modelo que se puxo en marcha na Presidencia en outros sete centros e, a terceira, completouse con outros sete, acadando así a totalidade de centros desta universidade marroquí. Ao mesmo tempo deuse tamén entrada ao resto das 13 universidades marroquís, de xeito que cun sistema de xestión de calidade piloto se poidan beneficiar todas as universidades que queiran.

A iniciativa desenvolveuse en colaboración coas universidades europeas de Bordeos 1, Boloña e Buscarest xunto co Grupo Compostela de Universidades e coas universidades marroquís. Unha vez rematado este proxecto, o grupo coordinador plantéxase futuras estratexias de colaboración no eido da xestión da calidade e noutros campos coas institucións do norte de África que tomaron parte neste programa. Polo momento están comezando a traballar nun proxecto Erasmus Mundos para difundir as boas prácticas en Marrocos, Túnez e Arxelia, mantendo así a vista posta no Magreb.