DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Coa participación de representantes de 14 institucións académicas de toda España 

A comisión de intercambio de aloxamentos universitarios reúnese en Pontevedra

O encontro desenvólvese na Casa das Campás

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Institucional
DUVI Pontevedra 01/02/2024

Un total de 25 representantes de 14 universidades españolas participan este xoves e venres na sede da Vicerreitoría do campus de Pontevedra nunha reunión da comisión de intercambio de aloxamentos universitarios. O obxectivo deste encontro é definir as prazas coas que contará en 2024 unha rede que permite ao persoal de administración e servizos (PAS) das diferentes institucións participantes aloxarse nas residencias e aloxamentos ofertados no marco desta iniciativa durante as súas vacacións. “A comisión encárgase de organizar este intercambio de aloxamentos durante todo o ano, no que movemos preto de 5000 prazas”, sinala Carlos Mollinedo, representante da UVigo nesta comisión.

Nesta primeira xornada de reunións, a xerenta da Universidade de Vigo, Yolanda Lesmes, e a vicerreitora do campus de Pontevedra, Eva María Lantarón, encargáronse de dar a benvida aos e ás coordinadoras deste programa nas 14 universidades participantes. Nese senso, Lesmes sinalou que a UVigo está “encantada de acoller” a que é a cuadraxésimo primeira reunión desta comisión e definiu este intercambio como “unha iniciativa moi positiva, un gran logro social para o PAS”. Nesa mesma liña, Lantarón trasladoulles o seu desexo de que perdure “un programa moi interesante para o noso persoal”, ademais de presentarlles un campus que, lembrou, atópase actualmente traballando para someterse ao proceso de acreditación como un campus de especialización centrado na creatividade.