DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Primeira reunión da vicerreitora do campus co novo equipo de goberno do Concello

A Comisión Mixta Concello-Universidade suma competencias en educación, deporte e cultura

En setembro tentarán darlle o pulo definitivo aos temas urbanísticos de Tafisa e do Edificio da ONCE

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Institucional
Bea Feijoo DUVI 20/07/2011

A Comisión mixta formada polo Concello de Pontevedra e Universidade de Vigo tivo este mércores o seu primeiro encontro co novo equipo de goberno da cidade, que agora encabeza Agustín Fernández, concelleiro de Educación, Universidade e Deportes. Trala reunión tanto a vicerreitora Antonia Blanco como Fernández acordaron ampliar as competencias da comisión “máis aló de Urbanismo”, impulsando a colaboración dende os eidos da educación, o deporte e os temas socioculturais, “sistematizando vías de traballo que xa se levan desempeñando dende hai tempo”, explicou Blanco.

Para a Universidade, “si que é importante o xiro que toma esta comisión, pois poderemos aproveitar todos os nosos coñecementos e infraestruturas nos ámbitos estratéxicos nos que somos fortes no campus para que a cidadanía poida estar con nós”. Nesta transferencia de coñecemento tamén afondou Agustín Fernández, quen se comprometeu “a priorizar e a darlle un pulo forte a esta colaboración para que na próxima reunión poidamos consolidar os plans de acción definidos”. Segundo a vicerreitora, este tipo de sinerxías en cultura, en educación e en deporte son imprescindibles para a sociedade, “sobre todo nestes tempos tan duros a nivel financeiro, polo que as institucións debemo unirnos para desenvolver proxectos potentes e atractivos en Pontevedra”.

En setembro, o empuxón definitivo

No que respecta ás cuestións urbanísticas de Tafisa e do Edificio da ONCE, que segundo a vicerreitora “estiveron freadas pola celebración das eleccións municipais do pasado mes de maio”, Fernández apuntou a necesidade de darlle “un empuxón definitivo” ao protocolo acordado entre as dúas institucións, “para que a Universidade conte no menor tempo posible con todo o necesario para a consecución dos proxectos”. Deste xeito, a próxima reunión da comisión quedou programada para finais de setembro, “na que nos queda pendente a redacción do convenio final que recolla todos os compromisos da Universidade e do Concello en materia de usos e de terreos”, subliñou o concelleiro.

Nestes momentos a Vicerreitoría está á espera dos trámites xurídicos para a cesión do Edificio da ONCE por parte do Concello para comezar a facer o seu estudo de uso e poder “incluír o proxecto no orzamento do ano que vén”. En canto aos prazos de execución, Blanco deixou claro “que todo dependerá do financiamento” e estimou que o total da obra supón un investimento aproximado de un 1.800.000 euros para cuberta e fachada e máis 300.000 para o mobiliario interior. Dende a concellería aseguran ser “conscientes de que a residencia é unha necesidade e nós temos esa dispoñibilidade, polo que a nosa intención é resolver esta cuestión de inmediato para que para o curso 2012-2013 poidamos contar xa con unha”.

En canto ao Edificio das Artes, Agustín Fernández tamén se comprometeu a partir de setembro a axilizar o máximo posible os trámites para a disposición dos terreos de Tafisa “e proceder a realizar o levantamento topográfico”, concluíu a vicerreitora.