DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O vindeiro martes celebra no campus unha xuntanza ordinaria

O Comité Executivo da Conferencia de Consellos Sociais das Universidades Españolas reunirase por primeira vez en Vigo

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
Mª del Carmen Echevarría DUVI 21/09/2012

O órgano que xestiona e representa os intereses da Conferencia de Consellos Sociais das Universidades Españolas, o seu Comité Executivo, reunirase o vindeiro martes 25 de setembro por primeira vez en Vigo, nunha xuntanza ordinaria na que tomarán parte a decena de membros que a integran, entre os que se atopan o seu presidente, Joaquín Moya-Angeler Cabrera, os vicepresidentes e os vogais. “Descentralizar este tipo de xuntanzas que habitualmente se celebran en Madrid nos permitirá por unha banda dar a coñecer aos membros do comité a Universidade de Vigo e por outra, difundir o traballo que realizan os Consellos Sociais das universidades españolas, algo que para nós é unha loita permanente”, asegura Ernesto Pedrosa, presidente do Consello Social da Universidade de Vigo e vogal do comité executivo.

Cunha orde do día na que destaca a presentación dun manual elaborado polo Consello Social da Universidade de Vigo en colaboración co profesor Fernando Ramos sobre o protocolo a aplicar nos consellos sociais, así como o debate sobre a modificación dos Estatutos da conferencias e sobre o informe de execución das contas de 2012, a reunión do comité executivo do vindeiro martes é para Pedrosa “un motivo de orgullo e satisfacción para a Universidade de Vigo” que actuará como anfitrioa da xuntanza do órgano que representa os intereses da Conferencia de Consellos Sociais que aglutina aos 47 consellos sociais das universidades públicas españolas.

Durante a súa estancia en Vigo os membros do comité executivo terán ocasión de coñecer a Estación de Ciencias Mariñas de Toralla, CITEXVI e tamén serán recibidos polo reitor da Universidade, Salustiano Mato.

Impulso das políticas que reforcen o papel social das universidades

Creada no ano 2005 para aglutinar aos órganos de participación da sociedade nos centros de educación superior, a Conferencia de Consellos Sociais das Universidades Públicas Españolas traballa coa finalidade establecer un foro de reflexión permanente sobre a educación universitaria española e unir forzas para impulsar políticas que reforcen o papel social que deben desempeñar as institucións de educación superior. Froito desa labor de reflexión emerxe a preocupación polo efecto que a suba das taxas de matrícula está a provocar na sociedade española. “Un asunto que non se abordará de xeito específico na reunión que celebraremos en Vigo, pero que está latente”, sinala Predrosa que afirma que “en Galicia somos uns privilexiados ao non terse rexistrado unha suba nos prezos, algo que sen embargo en comunidades como Madrid se traduciu nunha duplicación do importe das matrículas”.