DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Este órgano consultivo está formado por 15 mulleres referentes nos seus ámbitos profesionais

O Comité de Sabias da Cátedra de Feminismos 4.0 denuncia a pasividade das grandes corporacións ante a misoxinia en internet

Reclaman máis regulación para acoutar e eliminar as violencias machistas na rede

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Pontevedra
  • Vigo
  • Igualdade
  • Institucional
M. Del Río DUVI 11/02/2022

O Comité de Sabias da Cátedra de Feminismos 4.0 DEPO-UVigo celebrou este venres, coincidindo co Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia, un encontro virtual no que fixeron balance do 2021 e avanzaron en novas propostas para este ano. Unha das principais conclusións da xornada de traballo deste órgano consultivo, formado por 15 mulleres que son referentes nos seus respectivos ámbitos profesionais, foi a necesidade de reclamar aos poderes públicos máis regulación para combater a pasividade e permisividade das grandes corporacións dixitais ante a misoxinia en internet e eliminar as violencias machistas na rede.

Na inauguración da xornada participaron o reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa e a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, acompañados pola directora da Unidade de Igualdade da UVigo, Águeda Gómez, que foi a encargada de repasar as actividades que, ao abeiro da Cátedra de Feminismos 4.0 se realizaron en 2021, así como de analizar as futuras propostas para este ano.

Na súa intervención, o reitor agradeceu “a todas que fan posible estas iniciativas da cátedra que van cara esa igualdade tan desexada pero tan lonxe aínda de nós”. Tamén puxo en valor a implicación das sabias que conforman este comité, “porque vós sodes a luz que alumea o noso camiño. Temos que aprender de vós e levar á práctica o que sexa posible para que nas nosas institucións e na sociedade teñamos igualdade”. Pola súa banda, Carmela Silva estendeu os agradecementos á responsable da Unidade de Igualdade da Universidade, Águeda Gómez. “Non teño palabras para cualificar o orgullosa que estou de que haxa mulleres coma ela, que cando chegan a postos de decisión, da man dun reitor feminista, fagan tantas actividades a prol da igualdade das mulleres”. A presidenta provincial tamén quixo reivindicar o empoderamento das mulleres, “temos que visibilizar ás sabias e chamalas polo seu nome, as mulleres habitualmente non queremos que se nos cualifique como sabias, como grandes contedoras de coñecemento e de investigación, pero temos que chamarnos polo noso nome, porque a xente ten que saber que hai mulleres tan potentes como as que forman parte deste comité, mulleres excelentes”.

Maior regulación das plataformas dixitais

Ao longo da xuntanza, as sabias debateron sobre a orixe dos discursos misóxinos e de violencia machista que se producen en internet e nas redes sociais e coincidiron en destacar que proceden dunha minoría que debe ser illada. Neste sentido, todas concordaron en atribuír unha gran responsabilidade ás grandes corporacións empresariais que son propietarias das plataformas dixitais dominantes, aínda que tamén apuntaron que se trata dunha responsabilidade colectiva. “A responsabilidade é dos que actúan, pero tamén dos que miran para outro lado”, asegurou Ana Vila-Concejo, profesora na Facultade de Ciencias, Escola de Xeociencias de Universidade de Sydney.

Pola súa banda, Lorena Fernández, enxeñeira informática e directora de comunicación dixital da Universidade de Deusto, que se acaba de incorporar ao Comité de Sabias, achegou exemplos desa permisividade. Por exemplo, explicou que estas empresas deseñan algoritmos que censuran as mamilas, xeran presión sobre os corpos da nenas e mozas, dan difusión ao odio e toleran o ciberacoso. A través deste tipo de actitudes “estamos sendo expulsadas dos espazos públicos dixitais”, recalcaba Fernández e por iso reclamou poñer o foco “na fenda dixital 3.0”. 

As sabias apostaron por que os gobernos democráticos establezan unha maior regulación, de xeito que se garanta un mínimo de seguridade e convivencia. Como indicou Encina Calvo, profesora de física na Universidade de Santiago de Compostela, “son as corporacións e non as leis as que definen os límites do discurso permisible”. A este respecto, Ana Jesús López, doutora en ciencias físicas da Universidade da Coruña,  engadiu que as institucións públicas “deberían ser quen de penalizar e perseguir tanto a quen fai eses discursos como ás plataformas ou empresas que os permiten”. O problema, remarcan, é o seu carácter global, que dificulta unha resposta, a menos que sexa coordinada a través de entidades supranacionais. 

O beneficio económico, un grande obstáculo

Fronte a estas demandas de maior regulación para que internet sexa un espazo igualitario e libre de violencias machistas, o principal obstáculo, sinalan as expertas, é o económico. Un dos principais ingresos destas compañías é a publicidade, que se dirixe a distintos públicos, entre eles o misóxino. “Mentres consideren que censurar a violencia lles prexudica economicamente, non o van a facer”, explicaba Soledad Torres, profesora na Escola de Enxeñaría de Telecomunicación da Universidade de Vigo. Segundo a matemática María Cumplido, citada por Encina Calvo, "ás redes sociais non lles importa a ética dos efectos dos algoritmos, senón maximizar os beneficios”. Segundo esta lóxica, “os algoritmos crearán caldos de cultivo selectivos que propicien calquera adhesión a calquera tipo de opinión", sempre que xere unha rendibilidade económica. En relación con isto, Marta Macho, matemática e editora da web Mujeres con Ciencia, referiuse ao propio funcionamento das redes e dos medios de comunicación, xa que “a polémica vende máis que os espazos tranquilos”, algo co que coincidiu Coral del Río, catedrática de economía aplicada na UVigo. “Están gozando tratando de enfrontar os distintos feminismos, empregando mentiras para que discutamos entre mulleres, divide e vencerás”, remarcaba Macho. 

Obxectivo: expulsar ás mulleres da rede

A violencia machista dixital ten, entre os seus obxectivos, reducir a presenza das mulleres na ágora cibernética ou mesmo expulsalas. E, segundo as expertas do comité, parece que o está conseguindo. Mari Álvarez Lires, profesora de didáctica das ciencias experimentais da UVigo, apuntou que “o nivel de agresividade, as ameazas contra usuarias, que acaban sentindo medo mesmo de saír á rúa a pesar de ser mulleres valentes, demostra que os grupos violentos están conseguindo os seus obxectivos”. Pola súa banda, María José Rodríguez Malmierca, responsable da Área de E-learning e Colaboración do Cesga, considera que “son accións moi perigosas porque supoñen unha sobreexposición negativa para as vítimas e as súas contornas”. 

As expertas coincidiron en que estes ataques misóxinos crean unha situación que esixe a construción de espazos seguros, e este é un dos principais retos para estas plataformas dixitais. Ademais de controlar ou modular os seus posibles efectos nocivos, especialmente os que afectan á saúde mental das adolescentes. De feito, para Purificación Mayobre, docente da Universidade de Vigo, “este mundo tecnolóxico é, cando menos, igual de machista e misóxino que a sociedade” e para facerlle fronte propón dar un máis máis aló da sensibilización e apostar pola “formación en igualdade e empoderamento das mulleres, porque a falta de autoestima é o que trunca moito o acceso das mulleres á tecnoloxía”.

Con todo, Coral del Río acoutou o éxito dos grupos misóxinos organizados, sinalando que “se limitan, sobre todo, ao eido dixital”.