DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O Comité Universitario do Campus de Ourense nace para representar e expresar a opinión de todo o alumnado

A asociación organizará actividades culturais, deportivas e formativas

Etiquetas
  • Ourense
  • Estudantes
Noelia V. Vilanova DUVI 26/06/2009

O campus conta cunha nova asociación de alumnos, o Comité Universitario do Campus de Ourense, CUCO, que naceu por iniciativa dun grupo de estudantes da Facultade de Dereito coa idea de crear “unha asociación diferente, próxima ao alumnado e que represente os intereses de todos”, explicou Jonathan Domínguez, presidente do comité. A través deste proxecto, CUCO tratará de levar a cabo actividades nos ámbitos cultural, deportivo e formativo, e ser a voz do estudantado no seo da comunidade universitaria.
Custou moito traballo poñer esta iniciativa en marcha, debido aos trámites burocráticos; ademais a data da súa constitución foi moi axustada para poder solicitar as subvencións para a realización das actividades. “Traballamos contrarreloxo durante estas semanas, pero estamos moi contentos, xa que CUCO é unha alternativa máis nun momento en que o asociacionismo universitario non está a pasar unha das súas mellores épocas”, dixo Domínguez.

Obxectivos e composición de CUCO

Os obxectivos desta asociación son expresar e representar a opinión do alumnado en todo aquilo que afecte á súa situación no campus, así como “asesoralo sobre os seus dereitos e deberes e fomentar a súa participación na vida universitaria”, engadiu Domínguez. Tamén entra dentro das súas intencións organizar actividades culturais, de lecer, deportivas e formativas e colaborar con outras entidades e asociacións buscando crear vínculos de comunicación e cooperación.
CUCO está composta por un conxunto de estudantes de diversas especialidades universitarias que buscan “conseguir as súas metas a través do traballo en equipo, do esforzo diario e da responsabilidade nas súas tarefas”, comentou María Álvarez, vicepresidenta da asociación. Calquera persoa vinculada ao campus de Ourense, alumnos, PDI e PAS, pode entrar a formar parte da asociación. Os requisitos son aceptar a filosofía de traballo e respectar as normas internas. “Non existe ningún tipo de vinculación ideolóxica, sexa da índole que sexa, todos teñen un sitio”, precisou Domínguez.

Actividades e imaxe da asociación

As actividades que realizará a asociación abranguen tres ámbitos: o formativo, o cultural e de lecer e o deportivo. Dentro destes eidos organizará charlas, conferencias, cursos, xornadas informativas, torneos e outras actividades. A primeira das súas tarefas será prestar colaboración nas festas de Ourense coa coorganización do II Torneo de Futbolín Cidade de Ourense, que se celebrará o día 27 de xuño na praza da Estrela.
Neste curso, que xa finaliza, será a única actividade que desenvolvan xa que o tardío da súa constitución, no mes de maio, non permite dispoñer de máis de tempo para a organización doutras actividades. Sen embargo, para o próximo curso “xa dispomos dunha programación que tentaremos pór en marcha desde o mes de setembro”, comentou Álvarez.
O comité conta cunha imaxe propia, que xoga coas iniciais da asociación e o que estas evocan. Son dous símbolos, un máis sobrio, para os actos formais, e outro de uso cotián e que figurará, sobre todo, na cartelaría. A idea orixinal de ambos xurdiu da cabeza de Álvarez, que deseñou os debuxos e coa axuda de Jonathan Domínguez perfilaron os resto de detalles.

O nacemento dunha asociación

Foron varios os trámites burocráticos que tiveron que superar ata chegar á formación oficial de CUCO. O primeiro paso, unha vez constituída e feitos os estatutos, foi inscribir o comité no Rexistro Provincial de Asociacións da Xunta de Galicia. Recibida a súa confirmación, o seguinte foi solicitar o CIF para converterse en persoa xurídica. O último paso foi solicitar a inscrición no Rexistro de Asociacións da Universidade de Vigo, achegando toda a documentación requirida. “Foi un proceso bastante complexo, moito papeleo e moito camiñar, pero anímaste cando ves que todo se vai poñendo en marcha”, comentou Álvarez. A sede do comité está no edificio xurídico, no despacho 23 da terceira planta. Para poñerse en contacto coa asociación pódese empregar a caixa de correos número 68 da titulación de Dereito do Edificio Xurídico-Empresarial, ou ben a través do correo electrónico provisional asociacioncuco@hotmail.com