DUVI

Diario da Universidade de Vigo

José Manuel Lorenzo traballa no Edificio Xuridico-Empresarial grazas a un convenio con Down Ourense

Un compañeiro máis na conserxería

O obxectivo da iniciativa é que persoas con discapacidade adquiran experiencia laboral e autonomía

Etiquetas
  • Ourense
  • Institucional
Rosa Tedín DUVI 20/01/2012

Desde o mes de setembro a conserxería do Edificio Xuridico-Empresarial do campus de Ourense conta con un traballador máis. Cati, Julia, José e Arturo comparten tarefas desde entón con José Manuel Lorenzo. É un traballador máis pero excepcional por un motivo. El é unha das dúas persoas que durante este curso académico realizarán prácticas laborais no campus de Ourense grazas a un convenio de colaboración entre a Universidade de Vigo e a Asociación Down Ourense. A piques de rematar a súa estadía, compañeiros e traballador salientan a súa satisfacción por participar en esta iniciativa, destinada a contribuír á inclusión laboral de colectivos desfavorecidos e á súa autonomía.

“Estou na conserxería de 10 a 13 horas todos os días e o que fago é repartir o correo que chega ao edificio entre o profesorado e a biblioteca universitaria. Tamén axudo en mantemento e o que máis me gusta, xestiono os albarás no ordenador”, explica José Manuel Lorenzo. En estas tarefas conta coa dirección e apoio dos seus compañeiros, que salientan o bo traballo que realiza. “A José Manuel ensinámoslle como se fan as tarefas e logo somos moi constantes na súa supervisión pois queremos que o traballo que faga o faga ben, como un máis de nós. E así o fai, é moi traballador”, explica Julia Martínez.

Lorenzo participa en todas as tarefas da conserxería, excepto na atención telefónica pola dificultade técnica de manexar a centralita. O seu posto permitiulle ter un contacto moi directo con alumnado e docentes do centro, algo que lle gustou especialmente polo bo ambiente universitario no edificio. Segundo apunta, este é, aos seus 33 anos, o segundo emprego que consegue, despois de estar no almacén de unha tenda de deportes ourensá, onde gozou especialmente do seu traballo pois consistía en ordenar e clasificar, as súas tarefas favoritas. Recoñece que ao principio e como calquera traballador que comeza estaba nervioso pero que pasado o tempo está moi contento no posto que ocupa e lle dá pena que remate a experiencia en febreiro.

Enriquecemento para os compañeiros

Se para José Manuel Lorenzo a iniciativa é moi positiva polo desenvolvemento persoal que supón e porque adquire experiencia profesional, para os compañeiros de traballo a súa presenza tamén está sendo moi beneficiosa. “É o primeiro ano que temos unha persoa da Asociación Down en esta conserxería e a experiencia está sendo inmellorable. Como traballador é un compañeiro máis e como persoa ten conseguido facernos máis unidos e mellorar o ambiente laboral”, salienta Cati Álvarez.

Lorenzo finaliza o seu período de prácticas laborais no campus de Ourense o día 2 de febreiro, momento no que entrará a traballar un segundo membro da Asociación Down Ourense, que en este caso se incorporará ao Servizo de Deportes. De este xeito, continúa a desenvolverse unha iniciativa que é froito de unha convocatoria de concorrencia competitiva que realizou a Universidade de Vigo para que as entidades presentaran propostas para a integración de persoas con discapacidade no campus, convocatoria que finalmente gañou Down Ourense. Aínda que é a primeira vez que se realizou a través de unha convocatoria competitiva, é o cuarto ano que se produce esta colaboración entre a Universidade de Vigo e Down Ourense e as dúas entidades se amosan moi satisfeitas polos froitos que está dando, como é no caso de José Manuel.