DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nun acto celebrado no Centro Cultural Caixanova

Compañeiros de Xan Bouzada homenaxean ao profesor avaliando o seu legado

Interviron Fermín Bouza, José Pérez Vilariño, Arturo Rodríguez e Juan A. Roche

Etiquetas
  • Vigo
  • Académica
Mª del Carmen Echevarría DUVI 18/06/2009
Expertos en socioloxía da cultura renderon homenaxe ao profesor Xan Bouzada nun acto celebrado no Centro Cultural Caixanova no que avaliaron as súas achegas académicas e lembraron a un home “bondadoso, democrático, xeneroso e moi, moi galego e aberto ao mundo”, como asegurou o profesor da Universidade de Alacante, Juan A. Roche.
Nun acto que o director do departamento de Socioloxía, Ciencia Política e da Administración, Argimiro Rojo, definiu como “unha avaliación externa do traballo de Xan Bouzada”, catro expertos en socioloxía da cultura cos que Bouzada colaborou ao longo da súa traxectoria académica, lembraron o traballo e a personalidade do profesor falecido hai un ano.
O catedrático de socioloxía da Universidade Autónoma de Madrid, Fermín Bouza Brey, rememorou o intenso contacto académico que mantivo con Bouzada do que dixo “sempre foi un home libre” e que comezou unha vez que se converteu no seu director de tese despois do falecemento de Carlos Lerena. Tras lembrar o rexeitamento que o traballo de doutoramento de Bouzada provocou “entre a parte máis academicista do tribunal”, Bouza Brey centrouse nos “complexos vencellos” entre o global e local e o concepto de glocal, “unha ximnasia complexa que a Xan lle interesaba moito”.
O catedrático da Universidade de Santiago de Compostela, José Pérez Vilariño destacou o interese que Xan Bouzada prestoulle durante toda a súa traxectoria académica á lingua, “unha estrutura básica latente ou manifesta”. O catedrático da USC destacou a preocupación de Bouzada pola cultura como elemento de identificación e por darlle sentido a esa identidade. “Xan estaba preocupado por esa identificación, pero tamén pola cultura como elemento xerador de negocio”, apuntou Pérez Vilariño que tivo unha especial lembranza para a esposa e as fillas de Bouzada para quen pediu un recoñecemento e “unha lectura con calma dos seus escritos”.

O Xan humano e intelectual

O profesor da Universidade de Alacante, Juan A. Roche comezou a súa intervención afondando no perfil humano de Bouzada a quen definiu como “bondadoso, democrático, xeneroso e moi galego e aberto ao mundo”. Ademais segundo Roche o sociólogo ten outra herdanza: “soubo vivir moi ben e soubo morrer mellor”, dixo. O profesor da Universidade de Alacante lembrou varios traballos que desenvolveu xunto a Bouzada nos que se puña de manifesto que “para Xan o desenvolvemento económico estaba vinculado ao desenvolvemento local e á cultura como soporte”. O colecionismo como “loita contra o desarraigo e a morte” ou “os profundos cambios sociolóxicos derivados das novas tecnoloxías”, foron outras cuestións destacadas por Roche que tamén puxo de manifesto a importancia que Bouzada outorgou á creatividade.
Pola súa banda o profesor da Universidade de Barcelona, Arturo Rodríguez Morató definiu a Bouzada como unha persoa “seria, tenaz, honesta e moi comprometida” e lembrou que a súa actividade profesional cubriu unha ampla gama “dos significados que abrangue a cultura”. Para Rodríguez Morató a política cultural foi “crecentemente” o centro do traballo de Bouzada e aí “introducía moitas das súas preocupacións como a lingua ou o desenvolvemento territorial”. Flexible teoricamente e cunha especial sensibilidade sincrética, o profesor da Universidade de Barcelona sentenciou que “o traballo de Xan ofrece múltiples camiños para seguir”.
Precisamente ao legado de Bouzada referiuse para pechar o acto o director do departamento de Socioloxía, Ciencia Política e da Administración, Argimiro Rojo, para asegurar que “todos debemos sentirnos orgullosos do legado de Xan Bouzada”.