DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A compañía Sarabela enche de sorpresas e paixón o Teatro Vidal Bolaño

Coa presentación da súa última montaxe "Dame Veleno"

Etiquetas
  • Vigo
  • Cultura
M. Del Río DUVI 19/11/2008

A estrea da última montaxe da compañía Sarabela, Dame Veleno, encheu de sorpresas e paixón o Teatro Roberto Vidal Bolaño. A representación, inserida na programación de outono organizada pola Vicerreitoría de Extensión Cultural e Estudantes, foi quen de envolver ao público do teatro de Cidade Universitaria entre sorprendentes sensacións.
Un avó e unha avoa moi especiais volven do mundo dos mortos, preocupados pola súa descendencia, co obxectivo de poder comunicarse cos seus familiares vivos. A maxia a as sorpresas sucédense poñendo ao espectador en alerta ao non saber que se agacha detrás dunha porta ou tentando atrapar a verdadeira natureza dun grupo de seres humanos que viven a vida ao límite.
No seu regreso ao mundo dos vivos, os avós reencóntranse cun neto que vive coa indefinible sensación do desaxuste co mundo, mentres as súas tías teñen a tola esperanza de poder axudar coas súas accións a facer máis levadeira a existencia dos infelices. Unha parella de actores disposta a non deixarse arrebatar a súa paixón. Outro neto perdido e recobrado, unha acompañante misteriosa, e un avogado a piques de perder o tren, tecen unha historia fantástica.

Unha compañía cunha ampla traxectoria

Sarabela é unha das compañías galegas de máis sona e ten sido premiada en numerosas ocasións polo público e a crítica. Formada en 1980 e constituída como compañía profesional en 1990, as súas montaxes teñen como denominador común as emocións de alta intensidade. Seis premios Compostela, 30 galardóns María Casares, cinco Fetén, e cadanseu Celestina e Xiria certifican a traxectoria de Sarabela, distincións ás que hai que engadir o Premio de Espectador do Festival de Carballo e o Premio Abrente de Festival de Ribadavia.