DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O campus acolle a primeira xornada da cita de referencia para os xogadores das tres universidades ga

Competitividade, pero da boa, na primeira xornada do Campionato Galego de Deportes Colectivos

Os equipos que gañen clasificaranse para os campionatos estatais

Etiquetas
  • Ourense
  • Deportes
Rosa Tedín DUVI 09/02/2011
Como en calquera xogo, a práctica deportiva implica unhas grandes doses de competitividade, xogar está ben pero gañar é aínda mellor. Cando se trata de deportes de equipo a esta competitividade únese un aliciente moi grande de deportividade e compañeirismo. E así o están demostrando os preto de 300 deportistas universitarios que este mércores e xoves disputan en Ourense o XIV Campionato Galego Universitario de Deportes Colectivos.

Estes campionatos son a cita de referencia para os equipos das tres universidades galegas, que participan enviando aos equipos que gañaron as súas respectivas ligas universitarias nas diferentes modalidades, desde o fútbol e baloncesto ata o voleibol e o rugby. Rodrigo Alberte Pivida, técnico do Servizo de Deportes do campus, destaca “o bo nivel destes encontros, onde participan os mellores equipos das ligas universitarias reforzados e onde os xogadores veñen moi concentrados e preparados.”

A primeira hora da mañá deste mércores chegaban ás instalacións do campus de Ourense os xogadores procedentes das súas respectivas universidades para disputar os encontros. Os primeiros en xogar foron os combinados de fútbol 11 e voleibol. Mentres os equipos de voleibol masculino e feminino xogaban no Pavillón de Deportes, os xogadores de fútbol inauguraban en competición oficial as novas instalacións deportivas do campus de Ourense, onde se ubica o campo de fútbol-rugby e as pistas de atletismo.

Neste estreo de campo xogaron o equipo de fútbol 11 do campus de Ourense en representación da Universidade de Vigo e o seu homólogo da Universidade de Santiago de Compostela. Os ourensáns non tiveron sorte na estrea do seu novo terreo e perderon o encontro, quedando en evidencia que aínda que todos son universitarios hai diferenzas entre uns e outros equipos. O equipo de fútbol 11 ourensán tomábanse con sentido do humor e resignación o enfrontamento pero tiña un argumento para xustificar a súa derrota. “É normal que perdamos, nós somos universitarios que xogamos ao fútbol pero como calquera outro universitario e os de Santiago teñen xogadores máis profesionais”, salientaba Toni Barroso, un dos xogadores ourensán. E é que o equipo santiagués tiña a sorte de contar entre os seus universitarios con xogadores que compiten en terceira preferente.

Primeiras quendas

Pero á marxe dos resultados, como salienta Roberto Valdés, o adestrador de fútbol 11 da Universidade de Santiago de Compostela, a competitividade e a deportividade son dous alicerces fundamentais deste Campionato Galego Universitario de Deportes Colectivos. “A todos nos gusta xogar e, se pode ser, a todos nos gusta gañar” salientaba Valdés. Se no campo prima a competitividade san, á hora de compartir os anacos de descanso entre partidos e as comidas prima o bo ambiente. “A convivencia é un factor fundamental deste campionato, pois permítelle aos universitarios e aos técnicos de deportes coñecerse, intercambiar impresións, xogar xuntos, compartir experiencias” apuntaba Rodrigo Pivida.

O primeiro día de competición a Universidade da Coruña proclamouse gañadora en voleibol masculino e feminino e en fútbol 11, a Universidade de Santiago de Compostela en fútbol sala feminino e a Universidade de Vigo en fútbol sala masculino. Os equipos que gañen en cada modalidade serán os que representen a Galicia nos campionatos estatais. Este xoves máis.