DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Eva María Lantarón Caeiro, nova decana da Facultade de Fisioterapia:

“Cómpre traballar moi duro para garantir a calidade na formación do noso estudantado”

Mellorar a calidade asistencial dos pacientes grazas a profesionais altamente cualificados é unha pr

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Institucional
Iolanda Fernández DUVI 26/04/2013
Con ilusión, dedicación e responsabilidade asume o seu novo cargo como decana da Facultade de Fisioterapia Eva María Lantarón. A liña a seguir é a marcada polo anterior equipo decanal no que a calidade docente era unha das súas máximas e do que ela tamén formou parte baixo o liderado de Manuel Gutiérrez Nieto. Para os próximos tres anos, o novo equipo persegue a ampliación da facultade creando un centro asistencial docente investigador e pretende pór en marcha un mestrado multidisciplinar no que non só teñan cabida os graduados e graduadas en Fisioterapia. Acompáñana, nesta nova etapa, Alicia González Represas como vicedecana e José Manuel Pazos Rosales como secretario.

Segundo comenta Lantarón, unha das prioridades da facultade a curto prazo “é continuar cubrindo as necesidades da sociedade dotando ao mercado laboral de profesionais sobradamente cualificados e mellorando así a súa calidade asistencial”. Con todo, no que atinxe á inserción do alumnado recoñece que, na actualidade, a maioría destas ofertas aparecen vinculadas a contratos temporais. Isto explica que moitos deles decidan compaxinar as súas carreiras profesionais coa formación continúa “e é por iso que nós lles ofrecemos a posibilidade de continuar formándose, a través de cursos e xornadas, en especialidades que o plan de estudos do grao non recolle con detemento” asegura.

A situación económica non escapa ás súas preocupacións. Entende necesario “traballar moi duro en tempos difíciles garantindo a calidade na formación do estudantado.” Buscar financiamento para pór en marcha iniciativas pioneiras e de fondo calado social son algúns dos obxectivos que se marca para estes primeiros meses de mandato, seguindo sempre a senda marcada polo seu predecesor no cargo, Gutiérrez Nieto. Polo de agora, o balance da súa primeira semana de traballo foi moi positiva, “estiven tomando contacto co resto de decanos do campus e explorando xa as posibilidades de materializar proxectos que teño en mente”.

Ampla experiencia no eido da docencia

Eva María Lantarón Caeiro (1975, Caldas de Reis) é diplomada en Fisioterapia pola Universidade de Vigo, licenciada en Fisioterapia e Kineseoloxía pola Universidade Nacional de General San Martín (Bos Aires, Arxentina) e dende o ano 2010 doutora pola Universidade de Málaga. Entrou a formar parte do cadro docente da Facultade de Fisioterapia da Universidade de Vigo no ano 1999. Aínda que nun primeiro momento nunca pensou en facer carreira na universidade viu nesta, a posibilidade de seguir formándose, investigar e ao mesmo tempo continuar vinculada coa vertente máis práctica da súa profesión: a fisioterapia asistencial.