DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O campus acolle o I Ciclo de Conferencias Minorías, Inmigrantes e Estranxeiros

A comprensión da historia, imprescindible para entender os procesos migratorios actuais

Adolfo D. Monedero iniciou as xornadas analizando a interacción de Grecias coas súas colonias

Etiquetas
  • Ourense
  • Investigación
Rosa Tedín DUVI 02/12/2010
“Só a lectura do pasado, da historia, nos permite dar un paso adiante”. Así explicaba María Lameiras, vicerreitora do campus de Ourense, a importancia do I Ciclo de Conferencias Minorías, Inmigrantes e Estranxeiros, que reúne este xoves e venres a expertos de diferentes universidades para rastrexar os fenómenos migratorios ao longo da historia, desde a antigüidade ata a actualidade.

María López, directora do Departamento de Historia, Arte e Xeografía, que organiza este ciclo, salientaba na inauguración a importancia de transmitir nestas conferencias que “a inmigración non é unha cuestión exclusiva da actualidade xa que estivo aí todas as épocas, aínda que agora é un tema de plena actualidade”. López desexou que os resultados deste percorrido pola historia, ademais de afondar no coñecemento, “sirvan de reflexión respecto ás políticas actuais neste ámbito”.

Este dobre obxectivo do ciclo tamén foi destacado pola vicedecana da Facultade de Historia, Elena Pilar de Uña, e pola vicerreitora do campus, quen salientou a necesidade de que na Universidade “non só se ofreza ao alumnado competencias e coñecementos específicos senón tamén a capacidade de relacionarse e interaccionar co outro axeitadamente”.

Dos gregos ata hoxe

A persoa encargada de dar inicio ás conferencias foi o catedrático de Historia Antiga da Universidade de Madrid, Adolfo D. Monedero, que foi debullando as relacións dos gregos cos nativos das súas colonias. “Cando os gregos chegan ás diferentes áreas do Mediterráneo son estranxeiros e minoría poderosa que se acaba impoñendo aos locais”, explica. Para entender este proceso de interacción, Monedero salienta que en cada cidade os gregos tiñan a súa propia forma de interactuar cos nativos, desde formas pacíficas ata violentas, segundo os intereses particulares de cada unha das súas cidades-estado ou colonias.

O percorrido polo pasado migratorio continúa este venres día 3 cunha conferencia de José Hinojosa, da Universidade de Alacante, sobre as minorías na Coroa de Aragón. O resto do día e seguindo certa cronoloxía histórica, o ciclo estará centrado na Idade Moderna e Contemporánea. Comezará cunha conferencia de Ricardo Franch, da Universidade de Valencia, sobre os estranxeiros na sociedade valenciana do século XVIII e cunha intervención do profesor Manuel Hernández, da Universidade de La Laguna, sobre o papel dos inmigrantes españois na emancipación venezolana.

Para pechar as conferencias Mariano Esteban, da Universidade de Salamanca, falará sobre Novas formas de facer historia da pobreza e da beneficencia e de seguido celebrarase unha mesa redonda de peche sobre as migracións, inmigrantes e estranxeiros na Idade Moderna e Contemporánea.

As conferencias, que se celebran con entrada libre no salón de graos da Facultade de Historia, contan coa colaboración da Delegación de Alumnos de Historia.