DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Emilio Pérez Touriño, presidente da Xunta de Galicia:

“Comprometeremos unha inxección adicional nos orzamentos de 2009, sobre o actual Plan de financiamento de máis de 11 millóns de euros”

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
M. Del Río DUVI 26/09/2008

“Comprometeremos unha inxección adicional nos orzamentos de 2009, sobre o actual Plan de financiamento de máis de 11 millóns de euros”. Así o anunciou o presidente da Xunta de Galicia, Emilio Pérez Touriño, que foi o encargado de dar por aberto oficialmente o curso 2008-2009. Neste sentido, o xefe do executivo defendeu tamén a formulación dun novo Plan de financiamento “que debe estar definido co consenso das tres universidades galegas con vocación de superar as limitación do marco actual”. Pérez Touriño marcou como obxectivo que esta formulación se materialice durante o primeiro semestre do ano vindeiro e subliñou que é un plan que “deberá ter os seus efectos xa nos orzamentos do ano 2010 e con vixencia para o período 2010-2015”.
O goberno autonómico revalida así o seu compromiso co Sistema Universitario Galego co obxectivo de acompañar ás institucións educativas no seu proceso de modernización de cara a consolidarse como as universidades do novo século. Este novo camiño pasa pola transferencia, polo compromiso coa contorna e pola “transmisión dos saberes, de todos os saberes: os humanísticos, os científicos e os tecnolóxicos”, apuntou o xefe do executivo galego. Na actualidade, segundo indicou, a ciencia e a tecnoloxía en Galicia teñen a súa fonte nas universidades, sendo a competencia e o valor da súa produción científica un dos seus maiores retos. “Estes son os obxectivos e calidades esixidas á universidade do século XXI e compráceme constatar como as nosas universidades se sitúan entre as máis activas do estado en I+D e se teñen consolidado como o principal activo en investigación e innovación en Galicia”, explicou o presidente da Xunta.
Con todo, Pérez Touriño non deixou pasar a ocasión de referirse á transformación actual da que está sendo obxecto a universidade española coa adaptación ao EEES. “Debo recoñecer e destacar o exemplar esforzo que están a desenvolver as universidades, en particular decanos e profesores, para facer viable en tempo e forma este complexo e non sempre fácil proceso”.

Á vangarda investigadora

De cara ao papel das universidade nos novos tempos, a transferencia do coñecemento xerado representa o parámetro central, polo que a I+D+i dentro das institucións académicas está a ocupar un lugar central . O Sistema universitario galego ocupa o quinto lugar do Estado en canto a súa produción científica internacional e “as nosas universidades compiten entre as primeiras de España nas convocatorias e programas científicos do Plan Nacional e Europeo de I+D”, subliñou. Neste sentido cabe destacar a integración que as tres universidades están a levar a cabo tanto nos consorcios científicos, plataformas e centros tecnolóxicos como nos grandes proxectos empresariais.
Segundo destacou Pérez Touriño, o SUG facturou no ano 2007 preto de 30 millóns de euros en servizos de I+D a empresas e axentes sociais o que reflicte a súa inserción na contorna socio-económica. “Estamos por riba da media española en canto ao número de patentes rexistradas e ao número de empresas de base tecnolóxica promovidas, como resultado dunha política de transferencia en moitos aspectos pioneira e referente”, apuntou.

Unha ollada atrás

Tres anos atrás o presidente da Xunta de Galicia, Emilio Pérez Touriño, presidiu tamén en Vigo a apertura do curso académico, no que foi o seu primeiro acto desta índole como xefe do executivo. Transcorridos estes tres cursos académicos, botou unha ollada atrás lembrando os compromisos de entón e os de agora. “Falaba da gran responsabilidade que asumían as nosas universidades nun marco socioeconómico no que soamente da man do coñecemento, a creatividade e a innovación podemos construír a sociedade moderna, competitiva e igualitaria á que todos aspiramos”. No momento actual, o presidente da Xunta reafirmouse nesta idea e destacou o papel decisivo da actividade científica nos procesos de modernización social e económica e na conformación dun modelo produtivo sostible.
Porén, hai tres anos o EEES xa acaparaba todas as miradas. “Referíame naquelas datas á inxente, pero apaixonante, tarefa que o sistema universitario tería que abordar nestes anos para adaptar e integrar a súa oferta docente no modelo europeo”. Hoxe, con camiño aínda por percorrer, Touriño quixo afirmar que “as universidades galegas están a responder aos retos e ás esixencias que a sociedade e os tempos lles están a demandar”.