DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A simulación dos comicios forma parte da materia “Teoría e práctica da propaganda electoral”

O compromiso común para saír da crise marca o debate electoral entre as candidatas á “Presidencia da Xunta”

As candidatas de Novas Ideas, PAI e ZAS presentaron os seus programas

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Académica
Camino Carballeira DUVI 18/05/2009

Vivenda, educación, política social, emprego e economía e medio ambiente. Estes foron os cincos eixos sobre os que as candidatas de Novas Ideas, PAI e ZAS, os tres partidos que desde a Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación preparan o asalto ficticio á Presidencia da Xunta, intercambiaron impresións e compararon os seus programas no debate electoral celebrado este luns. Os tempos de crise esixen unha colaboración moi estreita entre os partidos que integrarán o futuro Parlamento e por iso as candidatas prefiriron incidir nos seus puntos de encontro para lanzar cara adiante Galicia.
Unha vivenda digna foi o principal obxectivo no que coincidiron os tres partidos dentro da primeira parcela sobre a que debateron. Os métodos para alcanzalo tampouco diferiron moito xa que as tres candidatas sinalaron a importancia de facilitar o acceso á vivenda a mozos e aos colectivos máis desfavorecidos. En canto á educación, a loita contra o fracaso escolar pasa para ZAS por “unha educación pública diversa e flexible coas necesidades de cada alumno” mentres que Novas Ideas aposta por un “reparto máis xusto das bolsas, respectar a realidade bilingüe de Galicia, sen usar o idioma como unha barreira, e facer adaptacións locais á implantación de Boloña para que as condicións sexan favorables tanto para alumnos como profesores”. Pola súa parte, a candidata de PAI, Laura Hermo, sinalou a importancia do inglés “e a súa ensinanza desde as idades máis temperás, a ser posible con profesores nativos” ao tempo que tamén debuxou un sistema de bolsas propias das tres universidades galegas no novo marco do Espazo Europeo de Educación Superior.

Políticas sociais e economía, os maiores desencontros

A adopción por parte de parellas homosexuais baixo os mesmos supostos que as heterosexuais e a defensa do aborto libre ata as catorce semanas de xestación son os buques insignia do apartado de políticas sociais do programa de PAI e un pequeno punto de desencontro co resto dos partidos. Neste sentido, a candidata de Novas Ideas, Suevia Ansede, sinalou a súa aposta “pola concienciación e a planificación familiar para non chegar a eses extremos, aínda que é necesario que existan” e expuxo a súa intención de crear “centros de convivencia” para a integración social dos colectivos marxinados. Pola súa parte, Fátima Rodríguez, candidata de ZAS, propuxo a potenciación da rede de centros de acollida e a promoción do desenvolvemento rural coa implantación do wifi.
Sen afastarse da realidade da crise económica, pero atendendo ao seu impacto na propia facultade, Novas Ideas apostou pola “mellora do funcionamento do Servizo Galego de Colocación” e o “aumento do salario base do persoal da facultade” como medidas máis destacadas no capítulo de economía e emprego. Respecto a esta última medida, a representante de ZAS indicoulle que “hai xente que o necesita máis” e presentou un programa para “o control da banca galega, para evitar o fraude fiscal e a introdución do salario mínimo no maior número de sectores posibles”. Vinte cinco mil parados menos nun ano foi a meta que pola súa parte se marcou a candidata de ZAS que amosou a súa confianza na promoción do I+D e na redución das cargas ás pequenas empresas como vías de saída da crise.

A carón dos cidadáns

A potenciación das enerxías limpas, a promoción do transporte público e a conservación do patrimonio natural foron as liñas mestras nas que os tres partidos coincidiron para a defensa do medio ambiente, tema que pechou o debate. Como última apelación ao electorado, as tres candidatas tiveron unha última intervención dun minuto para facer un chamamento. Nese momento, Ansede abandonou a mesa a principal para sentarse ao carón dos reunidos no salón de graos xa que segundo indicou “temos que achegarnos aos cidadáns para recoñecer os seus problemas”. Tanto, Hermo como Rodríguez sinalaron a súa posición igualmente a carón dos cidadáns, “como un máis do pobo” e o seu compromiso para lanzar o futuro de Galicia.
A celebración do debate é un paso máis do “xogo de rol” no que, con motivo desta campaña auspiciada pola materia Teoría e práctica da propaganda electoral, os estudantes levan participando todo o cuadrimestre e que se completará o vindeiro día 27 cando profesores, alumnos e PAS da facultade poidan exercer o seu dereito ao voto. O paralelismo cos recentes comicios autonómicos mantense na institución dunha xornada de reflexión, o día 26. O partido gañador, ademais dunha victoria moral logo do esforzo posto na elaboración dos programas, constitucións dos equipos, elaboración dos carteis ou a preparación de mitins tamén se verá favorecido cun punto na nota final da material. Unha porcentaxe consensuada polos propios alumnos. Síntoma de conservadurismo?