DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Rosa Aneiros, xornalista e escritora:

"O compromiso do escritor é coa literatura"

Inaugurou os "XX Encontros Literarios" cunha conferencia no Liceo

Etiquetas
  • Ourense
  • Cultura
Raquel Feijóo DUVI 02/02/2010

A xornalista e escritora Rosa Aneiros inaugurou este luns no Liceo os Encontros Literarios cunha conferencia sobre Literatura e compromiso: palabra dada, palabra recibida. Na súa intervención a poñente falou do compromiso que deben manter tanto o escritor como o lector á hora de enfrontarse a un texto. Fixo un percorrido por diferentes autores para amosar o compromiso do escritor coa realidade que o rodea e revelou os aspectos cos que ela se sinte comprometida cando escribe. Con todo, asegurou que o principal compromiso do escritor, e dela mesma, “é coa literatura”.
Rosa Aneiros comezou a súa intervención afirmando que “a palabra é compromiso” e que non só compromete a quen a dá senón tamén a quen a recibe. Segundo explicou, “na escrita non só hai o compromiso do escritor senón que o receptor, o lector, queda comprometido tamén con esa palabra e debe decidir se acepta ou non ese compromiso”. Neste punto a poñente fixo un percorrido por distintos autores como os galegos Rafael Dieste e Lorenzo Varela, o arxentino Juan Gelman e a xornalista e escritora mexicana Elena Poniatowska, testemuña da traxedia de Tlatelolco na que o goberno mexicano cargou contra os estudantes no transcurso dunha manifestación. Rosa Aneiros puxo sobre a mesa estes nomes para lanzar ao auditorio a seguinte pregunta: “¿Cómo non sentirte comprometido coa realidade que nos rodea?”.

Fíos de realidade que inflúen na escritora e que tecen os seus textos

De seguido, a poñente revelou os aspectos cos que se sinte comprometida cando escribe. Nas súas palabras, “os fíos cos que tecen os textos que escribo, as inquietudes que me motivan e que me pesan á hora de escribir”. O primeiro deles é o feito de “ser un ser humano do meu tempo”, pondo como exemplo o desastre ecolóxico do Prestige e como iso se plasmou na súa obra Veu visitarme o mar, publicada por Xerais no ano 2004. O segundo fío que tece a escrita de Rosa Aneiros é “o mundo que coñezo como xornalista que son e que vai dende o terremoto de Haití ata os crimes da mexicana Ciudad Juárez”, realidades que acaban pesando na creadora. A escritora síntese comprometida tamén polo feito de ser muller. Segundo explicou, “pésame polo pasado que está detrás de tantas mulleres que non puideron escribir por condicionantes sociais, históricos e políticos. Incluso nestes momentos hai moitas mulleres que seguen sen poder facelo”, afirmou. Outro fío da escrita de Aneiros atopámolo no feito de “ser galega e que a miña lingua sexa o galego”. A poñente asegurou que, como escritora, “escribes da realidade que te rodea e coas palabras do mundo que te rodean” e reivindicou o valor da palabra dentro da lingua galega. “Penso que é necesario reivindicar a lingua non só como un patrimonio herdado se non tamén como un futuro”.

O compromiso do escritor co lector das súas obras

O último fío da escrita de Aneiros está no compromiso que debe ter o escritor cos receptores dos seus textos. Nas súas palabras, “debemos ser conscientes do proceso de recepción porque, no momento que publicas, hai alguén que vai ler os teus textos. Debe haber un claro compromiso co lector porque é o que vai recibir o teu texto”. A escritora asegura que esta realidade “comprométete como autora e sentes o peso dese compromiso”.
Con todo, a poñente subliñou que todos estes compromisos son fíos que ten moi presentes antes de escribir. “No momento no que me sento e comezo a traballar o único compromiso é coa literatura, coa veracidade do texto que estou a escribir. Aínda que nunha obra existan personaxes que defendan unhas ideas, por exemplo, iso ten que estar na literatura. Non debemos utilizalo como un pretexto para amosar unha idea se non que o valor ten que estar na propia literatura. A mensaxe real ten que ser a literatura”, declarou.

Rosa Regás e Luisa Castro tamén estarán nestes XX Encontros Literarios

Os Encontros Literarios é unha iniciativa organizada pola sección de Literatura do Liceo e a Vicerreitoría do campus que ten como obxectivo achegar á cidadanía as figuras literarias contemporáneas máis salientables do noso país. O ciclo continuará o seu desenvolvemento este martes, 2 de febreiro, coa participación da escritora Rosa Regás que falará sobre Lectura e creación. A escritora Luisa Castro será a encargada de clausurar este ciclo de conferencias cunha intervención sobre As verdades da escritura o mércores, 3 de febreiro. Todas as intervencións terán lugar na aula de cultura do Liceo ás 20.15 horas da tarde e a entrada é gratuíta.