DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O presidente do PP de Vigo, Chema Figueroa, reuniuse co reitor

Compromiso “popular” co Campus do Mar e o Vigo Tecnolóxico

Mato sitúa o inicio das obras do campus de excelencia na ETEA en 2013

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
Mª del Carmen Echevarría DUVI 12/03/2012
Dúas das actuacións estratéxicas da Universidade de Vigo como son Campus do Mar e o Vigo Tecnolóxico seguen sumando apoios, desta volta entre a clase política. O presidente do Partido Popular de Vigo, Chema Figueroa, trasladoulle hoxe ao reitor Salustiano Mato o seu respaldo a estes proxectos, así como a posibilidade de impulsar algunha acción en colaboración co Padroado de Turismo Rías Baixas. “A Universidade xoga un papel importante na sociedade viguesa e o os coñecementos que sobre a administración, universidade e cidade, ten o seu reitor, representan unha simbiose fundamental”, asegurou Figueroa que agradeceu a acollida que recibiu na súa visita á Reitoría dentro dunha rolda de encontros que está a manter con diferentes sectores cidadáns. Pola súa banda o reitor, Salustiano Mato, incidiu na importancia de trasladar, neste caso ao presidente do PP vigués os proxectos estratéxicos da Universidade de xeito “que teña unha idea próxima de que pode facer a institución que aínda que nos atopemos en crise non nos deixaremos vencer polo desalento e seremos quen de superala”.

A posta a disposición por parte do Concello de Vigo dunha sede institucional na cidade para a Universidade foi outros dos temas polo que amosou interese o presidente do PP vigués, unha cuestión sobre a que Mato confirmou que aínda non se producira ningunha confirmación por parte do executivo municipal. Aínda así o reitor lembrou que a Universidade está presente na cidade no denominado campus histórico conformado polas escolas de Enxeñaría Industrial e Estudos Empresariais de Torrecedeira, coa Estación de Ciencias Mariñas de Toralla e que tamén o estará proximamente co Campus do Mar na ETEA. E é que segundo o reitor “cada vez estamos máis mesturados fisicamente, aínda que é unha presenza real”.

Definición do plan sectorial específico e tramitación de fondos FEDER para Campus do Mar

A recente aprobación do plan sectorial da ETEA que permitirá o desenvolvemento das infraestruturas de Campus do Mar centrou parte da reunión que mantiveron Mato e Figueroa. Un proxecto que o presidente do PP considera que “xoga un papel fundamental para o barrio de Teis e unha oportunidade de achegar a Universidade á cidade”.

Sobre o momento actual no que se atopa o proxecto, Mato confirmou que a Universidade traballa por unha banda coa Consellería de Medio Ambiente e Infraestruturas na definición do convenio para determinar o plan sectorial específico que permitirá, asegurou, “levar a Universidade a Teis”. En paralelo a institución académica viguesa, segundo apuntou o reitor, traballa coa Consellería de Educación para definir o programa de necesidades da rehabilitación dos edificios históricos da ETEA e tamén o edificio tecnolóxico para tramitar as axudas de fondos europeos. Para finais de ano segundo Mato “agardamos ter asignados os fondos FEDER e preparados os concursos correspondentes para facer as actuacións co que o ano 2013 sería o de inicio das obras que poderían prolongarse ata 2015”.