DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Segundo indicou Mª Luisa Graña, presidenta de Tragsa, nun relatorio sobre xestión pública de residuo

Compromiso social e prevención en materia ambiental, fundamentais para o desenvolvemento sostible

Etiquetas
  • Vigo
  • Académica
Sara Alcázar DUVI 22/02/2010
As inxentes cantidades de residuos domésticos xerados polos países desenvolvidos e os custes de recollida e eliminación dunha tonelada de lixo, que ascenden a 36 euros en España, son algunhas das cifras exemplificadoras que reflicten a necesidade de introducir a reciclaxe como hábito cotiá, para o que é imprescindible a implicación por parte da sociedade no coidado do medio ambiente. Así o expresou Mª Luisa Graña, presidenta do grupo Tragsa, no seu relatorio sobre Xestión Pública de Residuos, impartido este luns na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais no marco das actividades propostas no Máster en Xestión de Desenvolvemento Sostible.
A sensibilización e o compromiso social en temas medioambientais sumados ao traballo desenvolvido polas empresas públicas que operan neste ámbito marcaron a sesión, na que Graña salientou o alto grao de implicación formativa en materia de medioambiente desenvolvido pola Universidade e, concretamente, no caso do estudantado participante no mestrado. Así mesmo, a presidenta de Tragsa puxo de manifesto a necesidade de ter en conta a xestión de residuos nas súas tres vertentes: a ecolóxica, a económica e a cultural, na que “a importancia de educar á sociedade en valores de respecto ao medio ambiente é esencial para acadar resultados” argumentou Graña, que fixo fincapé na falta de compromiso social, o que dificulta a consecución do equilibrio entre o beneficio ambiental e os aspectos económicos derivados da xestión de residuos, “custos que poden reducirse coa predisposición e colaboración cidadá”.

Reciclaxe como primeiro paso da xestión

A reciclaxe convértese, segundo expresou Graña no seu relatorio, na principal alternativa na xestión de residuos sólidos, posto que permite reducir o seu volume e a reutilización de diversos materiais, pero que aínda “ten un alto custo porque a sociedade non está de todo implicada” argumentou Graña, que expuxo algunhas pautas de como a sociedade pode inverter a situación, implicándose no proceso de prerecollida, “no que os cidadáns xogan un papel fundamental na separación se residuos na casa, no traballo, no mercado ou en calquera ámbito da súa contorna”. Así mesmo, esta contribución cidadá súmase ao segundo paso deste proceso, levado a cabo polas empresas de xestión de residuos e consistente no seu tratamento mediante a compostaxe ou a incineración, entre outros. Ademais, Graña salientou a eficacia dos servizos prestados por empresas públicas que operan neste ámbito en Galicia, posto que “a frecuencia de recollida de residuos supera con creces á de outras cidades, xa que nós facémolo diariamente” argumentou a presidenta de Tragsa.
Pola súa banda, Graña destacou tamén a necesidade de que o tecido empresarial e industrial “teña un sólido compromiso co medio ambiente, co fin de acadar unha sostibilidade económica baseada na conservación do medio ambiente, que xera industria e emprego”. Ademais, Graña achegou aos asistentes algunhas cifras para exemplificar a importancia do reciclado no natureza e as súas consecuencias positivas. “Coa reciclaxe do vidro, aforramos un 44% de enerxía, a recuperación de dúas toneladas de plástico supoñen o aforro dunha tonelada de petróleo e reciclando unha tonelada de papel sálvanse 17 árbores, cifras que a todos convencen de cara a onde temos que camiñar”.

A política de prevención como principal medida

A loita contra o cambio climático comeza cunha política de prevención na redución de residuos urbanos e substancias perigosas contaminantes e prolongar, na medida do posible, a utilización de materiais procedentes do reciclado. Ademais, tamén se contemplan outras medidas específicas, como os acordos entre a Administración e os sectores produtivos implicados, o fomento da reutilización en orixe a través de plans empresariais de prevención e as normativas que prioricen a minimización dos recursos perigosos e graven o exceso de residuos. Ademais, Graña salientou a importancia de fomentar o I+D neste ámbito para mellorar a reciclabilidade dos produtos e diminuír a perigosidade dos residuos xerados e levar a cabo campañas formativas e de sensibilización social no coidado do medio natural.
Deste xeito, Graña propuxo unha política preventiva centrada na redución da cantidade de produtos que consumimos habitualmente para aforrar en materia prima virxe, reutilizar os materiais reciclados, o que implica un menor gasto dos recursos e, finalmente, a reciclaxe, coa que se reduce considerablemente a cantidade de residuos. A estes tres pasos hai que sumarlle o concepto de “evitar”o consumo desmesurado de produtos dañinos para o medio ambiente , “incrementando a demanda de produtos ecolóxicos que respecten á natureza e aforren enerxía, o que obrigaría ás empresas e á industria a aumentar a súa comercialización” argumentou Graña. Ao finalizar o relatorio, os asistentes foron obsequiados cunha pranta co fin de sensibilizar ao estudantado no coidado e conservación do medio ambiente.