DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Pancho Rey Tristán, xerente de Comunicación, Marca e Reputación de Ence Galicia:

“A comunicación cocíñase no vaso dunha Thermomix”

Nunha conferencia ante un grupo de alumnos e alumnas do Grao en Publicidade de Relacións Públicas

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Académica
Iolanda Fernández DUVI 11/11/2013
“A comunicación dunha organización cocíñase no vaso dunha Thermomix”, con esta sorprendente confesión iniciaba Pancho Rey Tristán, xerente de Comunicación, Marca e Reputación de Ence Galicia, unha conferencia cargada de experiencias persoais, profesionais, humor e moita ironía na que este luns participaron un bo número de estudantes do Grao en Publicidade e Relacións Públicas. “Coñecer a contorna na que está inmersa a nosa organización é fundamental para xestionar correctamente a súa comunicación”, subliñou o relator. Con todo, para completar con éxito esta peculiar receita, Rey Tristán asegurou que faltaban outros ingredientes entre os que destacou “o feito de manterse ao día en todo o que acontece a nivel económico e político, estar ao tanto dos avances das novas tecnoloxías e manter un trato o máis cordial posible cos medios de comunicación”.

Sen esquecer que as organizacións son colectivos de persoas que perseguen un mesmo obxectivo e que a comunicación é a ferramenta da que botan man para definir ou apoiar a natureza das súas relacións co resto dos actores da sociedade, o responsable de Comunicación de Ence salientou que para acadar resultados nesta área “precísase de tempo, moito tempo polo que as présas están sempre sobrevaloradas”. O recoñecemento dunha marca “é o obxectivo que todos perseguimos e iso non se consegue dun día para outro”, un termo que non debe confundirse nunca, ao seu xuízo, co de coñecemento, para o que só cómpre recorrer á publicidade, asegurou.

Outro dos momentos máis curiosos, segundo explicou posteriormente o alumnado, foi o intre no que Pancho Rey Tristán asegurou que “cada un de vós sodes quen Google e as redes sociais din que sodes”. Para o experto en comunicación é fundamental que o alumnado do campus pontevedrés siga a formarse día a día prestándolle especial atención ás novas tecnoloxías e ao peso que cada vez máis toman nas organizacións ferramentas como Twiter ou Facebook. “Actividades coma esta, proposta por Ana Belén Fernández Souto, profesora da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación, son para vós unha moi boa oportunidade para coñecer o funcionamento do departamento de comunicación dunha organización complexa a través das experiencias dos seus traballadores e traballadoras como antesala á vosa incorporación ao mercado laboral”, indicou.

Misión, visión, cultura e valores

Para Pancho Rey Tristán a comunicación externa dunha organización debe estar ben xestionada ao igual que a súa comunicación interna, “o que vos permitirá definir e compartir obxectivos, estratexias, coñecementos e procedementos” ao tempo que se interioriza a misión, a visión, a cultura e os valores da empresa ou institución. Mellorar a comunicación interna será necesario, xunto a unha boa planificación, para lograr os resultados desexados, concluíu.