DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Promovida pola Universidade e a Escuela Naval Militar

Comunicación e cultura centrarán este curso as actividades da Cátedra Álvarez-Ossorio

A programación arranca este mércores cun concerto de Pilar e Arabel Moráguez

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Charlas e seminarios
  • Cultura
  • Música
  • Académica
DUVI Pontevedra 02/10/2023

Comunicación e cultura serán neste curso 2023/2024 os eixes temáticos das actividades da Cátedra Almirante Álvarez-Ossorio, que promoven conxuntamente a Universidade de Vigo e a Escuela Naval Militar de Marín. Fundada en 1994, como un órgano de relación institucional para temas culturais, científicos, humanísticos e de interese común entre a Universidade e a Armada, a cátedra retomará a súa actividade este mércores 4 de outubro, cun concerto da soprano Pilar Moráguez e o pianista Arabel Moráguez no salón de actos da ENM. “Se o pasado curso centrámonos máis en cuestións como as redes sociais e a ciberseguridade, este curso a comunicación e a cultura serán o eixe temático”, destaca deste programa de actividades, aberto a toda a cidadanía, a directora de área do Campus de Especialización Crea e membro do comité da cátedra, Ana Belén Fernández Souto.

Co obxectivo de ser tamén unha programación que “abra tanto ás portas da ENM como da Universidade á sociedade”, as actividades da cátedra, presidida este curso pola vicerreitora do campus, Eva María Lantarón, desenvolveranse tanto en Marín como en Pontevedra. Previstas todas elas para ás 19.00 horas, esta programación arranca este mércores cun concerto do dúo que integran a soprano Pilar Moráguez, e o pianista Arabel Moráguez, formados ambos no Instituto Superior de Arte de La Habana e cuxo repertorio como dúo abrangue dende música vogal europea ou arias de ópera ata música latinoamericana. Dúas semanas máis tarde, o xoves 19 de outubro, terá lugar unha xornada sobre deporte e comunicación, conducida por Paco García Caridad, que atesoura unha longa traxectoria como xornalista deportivo, en medios como Antena 3, o diario Marca ou Radio Marca, da que foi director. Titulada O deporte e as retransmisións deportivas nos medios de comunicación, esta mesa contará tamén coa participación do exciclista e comentarista deportivo Óscar Pereiro, gañador do Tour de Francia. Xa en novembro, a actividade da Cátedra Almirante Álvarez-Ossorio trasládase ao salón de actos do Edificio Administrativo da Xunta de Galicia en Campolongo, coa mesa de debate La mujer en la historia, na que participarán a escritora Almudena de Arteaga, cuxo labor no eido da novela histórica valeulle recoñecementos como o premio Alfonso X el Sabio de Novela Histórica ou o Premio Azorín de Novela; xunto coa historiadora María Fidalgo. Por último, a programación da cátedra neste primeiro cuadrimestre pecharase en decembro co tradicional Concerto de Nadal que cada ano protagoniza a Unidade de Música da Escuela Naval Militar.