DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A través da rede REAL CODE, promovida por docentes das tres universidades galegas

Comunicación e desenvolvemento unen a 15 grupos de investigación de dous continentes

Esta semana celebran o seu primeiro encontro presencial para establecer liñas de traballo conxuntas

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Investigación
Bea Feijoo DUVI 28/11/2011

Cando se fala de desenvolvemento acostúmase a relacionalo co crecemento económico, obviando outras concepcións de carácter máis social. Catro grupos de investigación das tres universidades galegas, CIDACOM da Universidade de Santiago de Compostela, ECRIM de A Coruña e CP2 e HI2 do campus de Pontevedra da Universidade de Vigo, decidiron afondar no papel da comunicación como principal actor para o desenvolvemento social, de aí que conformaran a rede REAL CODE, Rede Europea América Latina de Comunicación e Desenvolvemento, que aglutina a 15 grupos de investigación nacionais, europeos e latinos. Dende este luns ata o vindeiro 2 de decembro a rede celebra o seu primeiro encontro presencial na Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago co fin de establecer liñas de traballo conxuntas.

Aínda que comunicación e desenvolvemento constitúen, por separado, dúas liñas centrais de investigación nas Ciencias Sociais, son contados os departamentos europeos que combinan os dous conceptos nas súas liñas de traballo. Pola contra, varios grupos de investigación latinoamericanos teñen desenvolvido unha importante actividade en este eido. Localizada esta necesidade, os catro grupos de investigación galegos coordinados polos profesores Montserrat Vázquez Gestal e Xesús Lage, da Universidade de Vigo, Marcelo Martínez Hermida, da Universidade de Santiago de Compostela e Patricia Faraldo, da Universidade de A Coruña, promoveron a creación de REAL CODE, que conta co apoio da Consellaría de Educación e Ordenación Universitaria a través dunha liña de financiamento dos fondos FEDER. Como explican os coordinadores da rede, esta iniciativa nace co obxectivo de deseñar proxectos sobre o estudo da comunicación comunicación como fundamento social do desenvolvemento humano, cun enfoque transdisciplinar, “pioneiro nos eidos de investigación en comunicación dos ámbitos galego e nacional”.

Membros de REAL CODE

Ao grupo promotor de base galega, únense cinco grupos do resto de España, pertencentes ás universidades de Salamanca, Extremadura, Sevilla, Rey Juan Carlos de Madrid e Autónoma de Barcelona; tres grupos de traballo europeos, da Universidade da Beira Interior-Portugal, da Université de Nice-Sophia Antipolis e Sud Toulon-Var, en Francia e un terceiro conformado polas universidades de Malmö (Suecia) e Roskilde (Dinamarca); e tres latinamericanos, da Universidad Autónoma de México, da Uniminuto de Bogotá, (Colombia) e da Universidade de Sergipe, (Brasil). Os grupos integrantes comparten unha perspetiva multidisciplinar para a abordaxe da comunicación e o desenvolvemento nun sentido amplo e superador de vellas concepcións.

Programa do encontro

O primeiro encontro que reúne fisicamente aos investigadores que conforman esta rede terá dous eixes principais. Por unha banda, representantes dos grupos de investigación lationamericanos compartirán cos europeos os seus avances e experiencias, e por outra realizaranse presentacións dos grupos na procura de liñas de traballo conxuntas. Así, participarán expertos nesta temática, como Francisco Sierra Caballero, da Universidade de Sevilla e especialista na relación entre a participación cidadá e as novas tecnoloxías da información, ou Amparo Cadavid, da UniMinuto de Bogotá, unha das maiores expertas en participación e medios comunitarios, que debaterá sobre o modelo de comunicación e de desenvolvemento que debe promoverse nas sociedades contemporáneas. Así mesmo os membros da rede porán en común as súas perspectivas conceptuais, definirán estratexias conxuntas e posibles proxectos de traballo de acción e investigación.

REAL CODE tamén puxo en marcha unha plataforma virtual para facilitar o traballo a distancia dos membros desta nova rede de investigación, facendo posible a interaccións de todos os seus membros a través de internet.