DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Cunha mesa informativa do programa de voluntariado Axentes do Cambio

A comunidade universitaria achégase á Axenda 2030

A actividade desenvolveuse entre os edificios de Ferro e Politécnico

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Medio Ambiente
  • Institucional
DUVI Ourense 06/03/2023

A pasada semana arrancou no campus de Vigo cunha campaña informativa unha nova edición do programa de voluntariado Axentes do Cambio, impulsado pola Área de Equidade e Diversidade da Universidade de Vigo. Este luns, a campaña tivo continuidade no campus de Ourense cunha mesa informativa na que alumnado deste programa tratou de concienciar e informar á comunidade universitaria da importancia de mudar os seus hábitos cara outros máis sostibles cos que contribuír á consecución dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible. 

Tras varios meses de formación, a Universidade conta cun grupo de 11 novos e novas activistas e divulgadores da Axenda 2030, formado por estudantes dos tres campus. Son un equipo moi multidisciplinar, no que se inclúen persoas matriculadas nos graos en Relacións Laborais e Recursos Humanos, Relacións Internacionais, Ciencias Ambientais, Educación Infantil, Comercio e Dirección e Xestión, así como tamén alumnado de mestrado. A maior parte participaron no curso sobre Axenda 2030 e sustentabilidade que se impartiu no primeiro cuadrimestre na institución académica. Os membros deste equipo matriculados no campus de Ourense foron os encargados este luns de atender a mesa informativa do programa de voluntariado Axentes do Cambio situada entre os edificios de Ferro e Politécnico.