DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Grazas a unhas xornadas de Educación sexual para pais de adolescentes

A comunidade universitaria aprende a falar de sexo cos seus fillos

A iniciativa xurdiu dun grupo de estudantes de Psicopedagoxía

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Marta Casanova DUVI 15/05/2008

As nais e os pais da comunidade universitaria con fillos adolescentes xa non teñen escusa para non falar de sexo con eles. Grazas ás xornadas informativas sobre educación sexual que un grupo de alumnos de Psicopedagoxía estiveron a desenvolver ao longo desta semana, afrontar as preguntas máis frecuentes dos mozos e fomentar un desenvolvemento psicosexual axeitado na pubertade xa non será un problema para os proxenitores con rapaces nesta complicada idade.
A idea de realizar as xornadas xurdiu dun traballo para a materia Psicoloxía da Sexualidade onde, na parte práctica “intentamos facer algo innovador cada ano, que se saia do esquema tradicional” explicou a súa profesora, María Lameiras. En anteriores cursos xa se fixeran programas de televisión e radio, intervención en centros educativos de secundaria, en asociacións como a de Gays e Lesbianas ou a de Síndrome de Down e en ONG's, por exemplo. Nesta ocasión, o grupo de estudantes formado por Lorena González, Javier Costa, Sonia Castro e Estefanía Fernández decidiu ofrecer unhas charlas na súa facultade, a de Ciencias da Educación, “abertas a todos os pais con fillos adolescentes e pre adolescentes, porque a sexualidade segue a ser unha materia pendente na familia” explicaron. Ademais, para axudalos a que non sexa un tabú e que teñan a base axeitada para enfocar o tema con naturalidade, “tamén realizamos dinámicas para que sexan os propios pais os que nos fagan preguntas e así achegarnos un pouco máis ás súas necesidades concretas” engadiron.

A sexualidade, materia pendente

O programa estivo articulado en dúas partes, por unha banda afondouse na comunicación e a afectividade, e por outra na sexualidade en si mesma e na resolución de conflictos, “porque moitas veces o tema só aparece nas familias ante problemas, polo que queremos darlle aos pais ferramentas para que saiban solucionalos” explicaron os alumnos. María Lameiras explicou que hai que enfocar o tema desde moitas perspectivas porque “a educación sexual é moito máis que falar de sexualidade e a sexualidade é moito máis que o coito. É unha dimensión fundamental da existencia do ser humano e pode implicar, entre outras cousas, pracer, comunicación, vínculo ou reproducción”.
Ademais, a profesora lamentou que este tipo de educación nos colexios non estea sistematizada e que dependa “da voluntariedade dalgún profesor, porque aínda que a LOGSE dende o 1990 xa tiña regulada a transversalidade da materia, é un campo de todos no que ninguén se implica”.
Pola súa banda, dende a materia que imparte María Lameiras puxéronse a disposición da comunidade universitaria para desenvolver outras iniciativas. “Seguiremos realizando actividades e estamos abertos a recibir propostas para cubrir as demandas que se teñan na medida de que poidamos abordalas, porque a xente ten que concienciarse de que necesita aprender” finalizou.