DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A operación quilo rematou este xoves coa entrega dos produtos aos voluntarios da organización

A comunidade universitaria doa preto de 500 quilos de comida ao Banco de Alimentos

Os promotores da iniciativa agradecen o esforzo realizado por estudantes, PDI e PAS

Etiquetas
  • Ourense
  • Institucional
Rosa Tedín DUVI 22/12/2011

A mediados de novembro o campus de Ourense uniuse á operación quilo do Banco de Alimentos colocando en cada centro un carriño no que os membros da comunidade universitaria podían doar produtos non perecedoiros. Este xoves voluntarios do Banco de Alimentos recollían as últimas doazóns para proceder ao seu reparto entre os máis necesitados antes do Nadal. En total, estudantes, PAS e PDI deixaron arredor de 500 quilos de alimentos. Unha solidariedade que os promotores da iniciativa, a Oficina de Voluntariado e a Vicerreitoría do campus, queren agradecer dun xeito especial.

Bienvenido Conde e Carlos González, voluntarios do Banco de Alimentos, foron os encargados de achegarse ao campus a recoller nos diferentes centros os carriños cos alimentos doados. En agradecemento á participación da comunidade universitaria, Bienvenido Conde entregou a Rosa Guerra, responsable da Oficina de Voluntariado ourensá, unha carta de agradecemento na que salientaba o apoio ofrecido desde a Universidade a esta iniciativa solidaria, o esforzo realizado e os logros conseguidos. “Este ano foi o primeiro no que o campus de Ourense se uniu a esta iniciativa pero dado o seu éxito agardamos darlle continuidade en vindeiras iniciativas”, destacou Conde.

Unha vez recollidos os produtos, o Banco de Alimentos, explicaron os seus voluntarios, procederá a repartilos entre as arredor de 50 entidades coas que colabora en toda a provincia de Ourense. Elas serán as encargadas de entregar ás persoas que o precisen os alimentos recollidos. Para poder chegar a tempo ás celebracións do día 24 e 25 de decembro, os voluntarios advertiron que “este xoves e venres distribuiremos os alimentos polas diferentes entidades, que atenden a arredor de 10.000 persoas e que precisan toda a nosa colaboración”.

Campus solidario

No campus de Ourense os produtos máis recollidos foron cartóns de leite, pastas, zumes, latas de conservas, aceite e arroz e alimentos básicos similares. Dadas as datas nas que estamos, entre a longa lista de produtos recollidos tamén están alimentos típicos destas datas, como o turrón. Deste xeito, respondíase á demanda dos promotores da iniciativa, que solicitaban alimentos de primeira necesidade non perecedoiros e con datas de caducidade o máis afastadas posible no tempo.

A todos os que durante este mes se achegaron a deixar alimentos nos carriños dos diferentes centros desde a Oficina de Voluntariado e desde a Vicerreitoría do campus queren agradecer a súa colaboración, que permitiu esta boa resposta a unha iniciativa que se celebraba por primeira vez no campus. Unha iniciativa que xunto á celebración da IX Olimpíada Solidaria de Estudos e a colaboración noutras campañas como a da Fundación Seur de recollida de tapóns de plástico para Aitana, amosan o espírito solidario do campus de Ourense.